Repuntan os casos de covid-19 na cidade de Ourense, que xa bordea o centenar

Pablo Varela Varela
P. Varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

A curva cae por segunda xornada consecutiva na provincia; tamén o número de hospitalizados na uci do CHUO

04 may 2021 . Actualizado ás 12:02 h.

A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras amenceu este martes contabilizando 262 afectados por covid-19 . É o segundo día consecutivo coa curva en baixada —onte, os casos activos eran 266—, aínda que hai concellos que frearon o seu descenso nas últimas 24 horas.

Ourense cidade, que encadeaba dúas xornadas consecutivas con diminución do número de afectados, elevou hoxe o seu balance particular aos 95 casos. Son seis máis que onte. Desta forma, á capital asócianse o 36 % dos infectados que hai actualmente na provincia.

Mentres, Verín cae ata os 23 casos, Cualedro mantense nos 18 e é Laza, con 17 —seises casos máis que o día anterior—, a que rompe esta tendencia á contención na comarca de Monterrei . O Barco de Valdeorras segue nos 15, mesma cifra que Xinzo —uno máis que este luns—.

Por baixo da decena, o repunte máis marcado expono Ribadavia. Na cabeceira da comarca do Ribeiro contabilizábanse onte 4 casos, e hoxe pasan a 8. Carballeda de Valdeorras sofre unha leve subida (de 6 a 7); Muíños cae ata os 5, mesma cifra na que se mantén Allariz; e concellos como Verea, Toén, A Merca e O Carballiño seguen unha xornada máis nos 4 afectados.

Novo descenso de hospitalizados na uci do CHUO

Suavízase a presión asistencial na área sanitaria. O número de ingresados na unidade de críticos do hospital de Ourense caeu este martes aos 7 —dous menos que onte—, mentres que hai 18 pacientes en planta, todos eles no CHUO.