A quen prevé vacinar o Sergas esta semana na provincia de Ourense?

Pablo Varela Varela
P. Varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A Consellería de Sanidade estima que se administrarán 30.000 doses; o 20 % da poboación da provincia xa completou o proceso

04 may 2021 . Actualizado ás 11:36 h.

Son máis de 170.000 as doses contra o covid-19 que xa se administraron na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras desde que se iniciou a campaña de vacinación . E esta semana, o Sergas estima que haberá un novo arreón, con outras 30.000.

De inicio, o obxectivo pasa por completar a pauta de inmunización, con segunda dose, das persoas de 70 a 79 anos, pero tamén se comezará coas primeiras dos pacientes na franxa que vai dos 60 a 65 anos —por idade, non aqueles pertencentes a colectivos esenciais que xa se vacinaron—. E ademais, Sanidade estima que este xoves se dará luz verde a outro novo grupo, o que vai dos 65 aos 69 anos, con citacións no recinto feiral de Expourense e os hospitais comarcais de Valdeorras e Verín.

«Os maiores de 80 anos están xa vacinados na súa práctica totalidade, ó igual que máis do 90 % das persoas dependentes ou inmobilizadas que reciben a domicilio a vacina, proceso que supón un reto para os equipos de enfermería pola alta dispersión poboacional, e que se está a beneficiar nos últimos días do uso da vacina monodose de Janssen», agregan.

Ademais destes grandes grupos, o Sergas notificou que se continuará vacinando aos novos usuarios de residencias e a persoal sanitario que estaba de baixa ou de nova incorporación. 

Así será o calendario de vacinación na provincia de Ourense este martes 4 de maio

O Sergas citou a 6.281 usuarios ourensáns este martes, 4 de maio. O groso, para ser vacinados con AstraZeneca en Expourense (4.820), en horario de mañá e tarde, igual que nos hospitais comarcais de Valdeorras (700) e Verín (600).

Mentres, unicamente en horario de mañá, vacinarase con Pfizer a pacientes inmobilizados cuxas fichas sanitarias están adscritas aos centros de saúde de Xinzo de Limia (40), O Carballiño (25) e, xa na cidade, Novoa Santos (66). Neste último, o persoal sanitario tamén prevé administrar dose de Janssen (30).