Esta semana comezará a vacinación aos de 65 a 69 anos

La Voz O Barco / LA VOZ

OURENSE

02 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A semana que mañá comeza será a quenda de vacinación dos ourensáns de entre 65 e 69 anos. Co cambio de criterio sobre o uso do antídoto de AstraZeneca (primeiro só se administraba a menores de 55, despois a menores de 65 e finalmente a xente entre 60 e 69 anos), esa franxa de idade quedou nun limbo que seguía sen data. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, leva semanas dicindo que serían os seguintes na lista, pero non acababan de chegarlles as citas. Xa si. Para esta semana son varios centos os ourensáns convocados a vacinacións masivas en Expourense e os hospitais comarcais. Como vén facendo cos grupos de 70 a 79 e de 60 a 65, comezarase polos de máis idade para despois ir baixando. É por iso que para o xoves, no Barco, están a ser citados os de 69. Salvo un cambio de criterio ata entón, serán vacinados con AstraZeneca.

É o seguinte paso no proceso de inmunización, que arrincou o pasado mes de decembro. Tras vacinar aos usuarios e traballadores das residencias de maiores, comezouse cos maiores de 80. Un proceso que rematou onte. Todos os que superan esa idade teñen xa as dúas doses postas salvo algún caso indetectado polo Sergas que poida coñecerse agora.

Para hoxe está prevista unha nova xornada de vacinación masiva, dirixida a persoas de entre 70 e 79 anos que tiñan pendente a segunda dose. Hai 3.100 persoas citadas en Expourense, 520 no hospital comarcal do Barco e 520 no de Verín.

Cos dependentes

De cara a mañá, continuará a vacinación de dependentes. que corre a cargo do persoal de enfermería dos centros de saúde. Aos que non teñan ningunha dose posta administraráselle Janssen, que é monodose, polo que xa rematarán o proceso de inmunización; mentres que aos demais administraráselles a segunda inxección de Pfizer. Ademais, no CHUO están citadas as persoas da repesca da franxa de idade 70-79. Trátase fundamentalmente de ourensáns que tiñan incorrectos os datos de contacto, polo que a cita lles chegou a un teléfono erróneo, e volven á lista tras alertar da situación; e tamén xente que non puido acudir cando estaba citada pero que mostrou a súa vontade de vacinarse.