«Coa campaña da renda hai quen necesita o trato directo, e máis se son maiores»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

En Dompa Xestión apuntan a importancia de xustificar o Ingreso Mínimo Vital na declaración

02 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O próximo 4 de maio comeza o prazo para solicitar cita previa para a atención telefónica pola campaña da renda. Pero en Ourense, onde a media de idade dos veciños rolda os 51 anos, hai quen valora o dobre o cara a cara co funcionariado e as asesorías pola proximidade e «porque necesitan esa interlocución coa outra persoa, pero fisicamente».

Explícao Iago Domínguez, da firma Dompa Xestión. Tanto el como o seu pai, José Manuel, atopáronse desde o pasado 7 de abril, data de inicio da campaña, con chamadas de clientes de toda a vida. «Xa observamos que acudía xente nova o ano pasado. Algúns viñan derivados de Facenda porque non se entendían alí. Ás veces, perfís que necesitan o trato directo e, máis se son persoas maiores, que lles asesoren ou boten unha man. E cando lles dan a opción da cita telefónica, veñen aquí ao momento», detalla Domínguez. Aos contactos por vía telemática darase luz verde o día 6 de maio, e será o 27 do mesmo mes cando inicie o prazo para solicitar cita previa de cara á atención presencial, que comezará o día 2 de xuño para concluír a finais, xa o día 30.

Sobre o papel, aqueles contribuíntes cuxo salario obtido no traballo non supere os 22.000 euros brutos anuais están exentos de realizar a declaración. Iso si, a condición de que esta cantidade proceda dun único pagador. No caso de que houbese varios pagadores, dependería das cantidades percibidas. E precisamente aí, neste apartado, o impacto económico do coronavirus é outro factor a ter en conta.

En Dompa prevén que máis dun contribuínte atoparase con sorpresas, directamente relacionadas coa pandemia. Se aos autónomos que durante o ano 2020 percibiron axudas covid-19 de concellos como Ourense, O Pereiro de Aguiar e O Carballiño, entre outros, esíxeselles xustificar esta retribución, non é menos no caso daquelas persoas que foron receptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV). «Que vai pasar? Que moita xente pode acabar incorrendo en sancións por non saber que ten que facela en base a este ingreso. Hai quen non o lembra, outros que non o saben e tamén falamos de persoas que non dispoñen desa información porque non teñen medios tecnolóxicos, como un teléfono ou un computador, para acceder a ela, e realmente é clave que estean ao tanto para poder manobrar a tempo e evitar unha multa», indica José Manuel Domínguez. «Non tes que tributar por ese Ingreso Mínimo Vital, pero si estás obrigado a presentalo nesta campaña da renda se recibiches ese diñeiro durante o ano anterior. É un sistema de control empregado pola Administración», agrega Iago.

Doutra banda, o feito de ter estado nun ERTE tamén ten dobre fío. «Hai xente que se vai atopar con que o Servizo Público de Emprego (SEPE) non lles fixo as retencións correspondentes no seu momento e a esa persoa en cuestión vaille saír a pagar», advirten desde Dompa. É dicir, que nalgúns casos, o SEPE foi pasando diñeiro de máis aos afectados polos ERTE, sen que a miúdo fosen detectados ou notificados polos perceptores. E ante isto, que opcións hai? «Pode ser que o SEPE, antes de que remate esta campaña da renda, reclámelle ao contribuínte ese diñeiro que recibiu, ese excedente, por dicilo dalgunha forma», estima José Manuel Domínguez.

A prema do primeiro mes

Desde os días previos ao comezo da campaña da renda, o equipo de Dompa Xestión comezou a descolgar o teléfono para atender a clientes xa coñecidos que «buscan deixar listo o papelorio canto antes, o primeiro mes». E quen non acudiu coa súa documentación de ingresos do ano pasado, fíxoo indo á oficina por iniciativa propia para buscar asesoramento, a propósito de que a pandemia de coronavirus implica certos matices de cara a este ano.

«Ata o 20 de abril había obrigacións fiscais con preferencia para Facenda, antes que a renda. En realidade é todos os anos así, pero sempre se dá a situación de que a inicios de campaña xa nos están chamando pola renda. Non é que nos collese de sorpresa, porque xa estamos acostumados», di sorrindo José Manuel Domínguez.