Segue traballando e seguirán chegando os éxitos

María Álvarez e Rafael M. Fernández ASINA INVITADA

OURENSE

Miguel Ángel Polo

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta semana empezaba coa gran actuación da xogadora ourensá Raquel Carreira Quintana na Eurocup. É unha gran noticia, pero para os que a coñecemos desde os seus comezos non foi unha sorpresa: sabemos que este éxito lle vén polo seu traballo e esforzo desde os seus inicios no baloncesto.

Sempre falamos das xogadoras e os xogadores que chegan a altos niveis, pero non podemos esquecernos de todo o traballo realizado no deporte de base para chegar a acadar estas metas.

Se falamos con calquera delas, o primeiro que din é como chegaron a amar este deporte grazas ás súas compañeiras e adestradores de base, quen lles ensinaron a gozar ao mesmo tempo que lles inculcaron os valores do deporte. Creceron deportivamente ao mesmo tempo que medraban como persoas.

Por desgraza, o deporte basee é o gran esquecido, xa que só se acordan del cando alguén consegue un título. E o que está claro é que o deporte desde o seu inicio é importante para todos os nenos e nenas. Nas disciplinas de equipo adquírense valores como o aprender a compartir, a solidariedade, o compañeirismo, a responsabilidade, etcétera. Isto vai moito máis alá que dos resultados. Porque non todo é gañar.

No noso caso, podemos falar da importancia do baloncesto feminino, xa que tivemos o pracer de adestrar a Raquel Carreira. Se o deporte basee é o gran esquecido, o deporte feminino aínda o é máis. Estamos acostumados, a pesar de todos os éxitos que dá o deporte feminino, a que este non sexa valorado en igualdade de condicións co masculino. Non hai máis que ver a repercusión mediática que se lle dá. Só se fala del cando alguén gaña algo.

Por sorte, aínda hai persoas que apostan por dedicar o seu tempo e esforzo a traballar coas nenas, convencidas das súas altas capacidades para practicar deporte e crendo que algún día se acadará a igualdade.

Raquel Carreira demostrounos que todo este esforzo realizado desde a base ten a súa recompensa, non só deportivamente senón tamén no plano humano. Desde ben pequena demostrábanos que sempre foi unha xogadora de equipo, que soubo pór en práctica todos os valores aprendidos durante a súa etapa no deporte basee, que sempre estivo pendente das súas compañeiras, axudando cando todo ía ben, pero tamén cando ía mal. Sabendo gañar e sabendo perder.

Os que a seguimos desde os seus inicios, puidemos observar que estes mesmo principios que tiña nas súas etapas benxamín e alevín mantívoos en toda a súa carreira deportiva, mesmo agora na súa etapa profesional, demostrando que é unha xogadora de equipo, non só polo nivel deportivo que demostra, senón tamén pola súa faceta humana.

Agardemos que este furor que están causando os éxitos de Raquel Carreira non queden no agora, e que sexa o referente para todas aquelas nenas que están a empezar no deporte. O seu exemplo ten que servir para facerlles ver que, con traballo e esforzo, todo se pode conseguir. De feito, a moita xente sorprenderalle ver a unha moza de 19 anos escollida no draft da WNBA, pero isto non é unha sorpresa, é un gran logro, e todo debido ao duro traballo que Raquel realizou durante todos estes anos no deporte de formación.

Só podemos dicirlle: parabén. Segue traballando como ata agora e os éxitos seguirán chegando.

Oxalá isto sirva para que a sociedade e os equipos aposten decididamente polo deporte basee e o deporte feminino.

María Álvarez e Rafael Manuel Fernández adestraron a Raquel Carreira, que acaba de ser elixida no posto número 15 do «draft» da NBA feminina, cando xogaba en categorías inferiores en Ourense