O centro comercial Ponche Vella estrea novo restaurante

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Market é un pequeno mercado de sabores nun só local, onde se xuntan gastronomías de distintas partes do mundo

17 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha nova opción culinaria chegou á cidade. Chámase Market, está no centro comercial Ponche Vella, no enorme local que hai ao lado dos cines, e non só propón un tipo de comida, senón moitos e moi variados. «Quere ser unha pequena réplica dos mercados que hai nas grandes cidades, adaptadas ás posibilidades dun centro comercial», explica o propietario do restaurante, Iñaki Mella. El, que está a cargo de outros negocios de restauración na cidade, di que o que buscaba era pór en marcha un novo concepto en Ourense : «Quería que fose diferente a todo o que xa hai».

Dentro de Market hai postos de comida de distintos países do mundo, unha mestura de gastronomía internacional, todos realizados con produtos frescos. «Un é de elaboracións máis eco e naturais», di Iñaki. Aí pódense pedir zumes recentemente feitos que manteñen as propiedades das froitas e as verduras grazas a un proceso concreto de licuado. Tamén pokes, unha típica ensalada hawaiana con base de arroz, ou iogur xeado. Hai outro posto en honra a México , no que os tacos, burritos, quesadillas ou nachos prepáranse á vista do cliente. Outro é de pizzas ao corte ou enteiras, cunha base crujiente e recentemente saídas do forno. Noutro preparan hamburguesas e bocadillos de autor, contundentes e moi orixinais. Hai un espazo para cachopos, ensaladilla, albóndegas... E un para as croquetas, no que propoñen oito variedades distintas deste entrante, que poden comerse no local ou levar crúas e cociñarse en casa. Cunha estética urbana, coas paredes repletas de pintadas de cores, Market está pensado para compartir mesa con amigos ou familia e que cada un poida degustar o que máis lle apetece. E pronto sumará o servizo a domicilio.