O ano no que Ourense se botou ao monte: «A xente chega coa idea de gañar en saúde mental»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A Federación Galega de Montañismo cifra en 30 as rutas de sendeirismo que están operativas actualmente na provincia

12 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Hai unha volta atrás ó monte. Ó contacto ca natureza, aínda que sexa de forma contemplativa», resume Xosé Antón Vázquez, do Clube Montaña Ribeira Sacra. Na provincia de Ourense hai 30 rutas de sendeirismo homologadas polas autoridades, un tesouro que xa estaba aí antes da pandemia, pero que gañou popularidade cando máis dun se fartou de estar entre catro paredes.

«O número de licenzas na Federación Galega de Montañismo creceu un 20 % no último ano», explica Raúl Leirós, vogal da asociación. Son uns 6.000 socios e, de todos eles, un 60 % están vinculados á disciplina do sendeirismo. A Federación integra ata doce, entre elas alpinismo e barranquismo. «E o que está a pegar forte na provincia de Ourense é a escalada deportiva e o sendeirismo, claro», indica Leirós.

Este bum habíase ido cociñando a lume lento nos últimos anos, pero foi a chegada do covid-19 o que acelerou o proceso. «Estar federado permíteche acceder a parques nacionais que, en xeral, teñen restricións severas de acceso, e tamén tes un seguro. Pero ademais, o deporte ao aire libre é o que máis se recomenda neste contexto e no monte é raro que haxa unha actividade que implique a un grupo de máis de dez persoas», agrega Leirós.

O concello de Ourense

Máis aló do cemento. As sucesivas restricións a nivel municipal por mor da pandemia tamén axudaron a que máis dun veciño redescubriese áreas rurais da capital. Así o constata Mar Pallás, presidenta do Club Alpino Ourensán: «A medida que nos deixaron movernos, moitos socios tiraron de aplicacións móbiles como Wikiloc para buscar rutas preto da cidade: o castro de Santomé, a zona de Oira e arredores... E tamén a contorna de Palmés».

Pena Trevinca

Fame de montaña. En Vilanova, unha aldea da Veiga, vive desde hai 27 anos Cholo Fernández, guía de montaña. Trevinca, o teito de Galicia, non ten secretos para el. «Hai algo máis de afluencia, pero creo que non ten que ver coa pandemia, senón con que esta zona ten moitos alicientes. O que si percibes é que a xente chega agora con máis ganas de natureza que nunca e cunha idea de gañar en saúde mental», explica. A idea de Trevinca como un oasis do illamento, lonxe das aglomeracións, sustenta esta teoría. «Escoitamos a miúdo esta frase: ‘O que queremos é saír da cidade'. A montaña é sinónimo de aire puro», di Fernández.

Ribeira Sacra

O refuxio de todos. Durante o verán do ano pasado, membros do Clube Montaña Ribeira Sacra topáronse con que «incluso con restricións vixentes, aquí aparecía xente». Alude ás rutas do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e tamén a que bordea o río Mao. Durante a tempada estival, as súas pasarelas de madeira viron desfilar a familias, turistas que viñan desde máis aló do Padornelo e tamén a algún que outro solitario. «Estaba todo o sendeiro pisado. E o que ves agora é moita máis xente nova. E non falo de camiñantes de 30 ou 40 anos para riba, senón de rapaces que andarán polos 20. Por exemplo, onde os Balcóns de Madrid», comenta Vázquez.

San Mamede

O encanto do Macizo. Desde a aldea de Rebordechao, no corazón do concello de Vilar de Barrio, iníciase unha ruta que conduce ata a ermida de San Mamede, a máis de 1.600 metros de altitude en pleno Macizo Central. Xosé Antón Vázquez sinala que «hai marabillas por camiñar como esta, ou traxectos entre os concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo, como o bidueiral de Gabín».

Xurés

Cun pé en Portugal . Ana Canle, guía de sendeirismo en Ecoturismo Xurés, comezou no ano 2016 a traballar con grupos reducidos que, en xeral, buscaban coñecer as serras do bordo fronteirizo entre o suroeste de Ourense e Portugal. «O que vexo agora e que hai un incremento no interese de coñecer o Parque Natural», di. Ante os vaivéns da pandemia, organiza cuadrillas pequenas que adoitan acudir a unha ruta xa marcada e cun día predeterminado. «Hai quen busca ir polas zonas máis altas, outros a Riocaldo, a aldea de Salgueiro... Imos variando porque hai seis concellos e en cada un deles hai rutas», ilustra.