Ourense xa deixa atrás a cifra que marcou o chan da segunda onda

La Voz OURENSE

OURENSE

CHUO
CHUO AGOSTIÑO IGREXAS

O número de casos activos baixa ata 322 na provincia e só hai tres persoas na uci

28 feb 2021 . Actualizado ás 17:45 h.

A tendencia na evolución do coronavirus segue decididamente á baixa na provincia de Ourense. Segundo os datos feitos públicos polo Sergas este domingo, o número de casos activos sitúase en 322, 44 menos que o día anterior. Este rexistro supón, ademais, que a área sanitaria ourensá xa deixa atrás a cifra que marcou o chan da segunda onda. Hai que remontarse para iso ao día 10 de decembro do ano pasado, cando había 364 persoas coa enfermidade activa.

Foi entón, xusto despois da ponte da Constitución, cando a expansión do coronavirus empezou a crecer, unha alza que se viu agravada tras as vacacións do Nadal. Con todo, agora a provincia leva trinta días exactos de baixada continúa no número de casos.

Cabe destacar, por outra banda, que a presión hospitalaria tamén se viu notablemente aliviada. Segundo os datos facilitados polo Sergas este domingo, hai 34 persoas ingresadas, catro menos que o día anterior. Ademais nas últimas 24 horas dous ourensáns saíron da uci e xa só quedan tres persoas recibindo tratamento nesa unidade.

Por municipios

A evolución é especialmente satisfactoria na cidade, que hai menos dun mes marcaba o seu teito de casos activos en 1.023. Agora mesmo son, segundo as autoridades sanitarias, tan só 102 (tres menos que a xornada antes). Por outra banda, xa quedan unicamente outros cinco municipios que chegan ás dez presentas contaxiadas. Trátase de Verín (17), O Barco de Valdeorras (12), O Carballiño (11), Maceda (10) e Celanova (10).