Ela foi a primeira muller pantalla de Xinzo

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Santi M.Amil

Aos seus 87 anos, a limiana Loli Martínez segue sendo unha muller brava, valente e loitadora

26 feb 2021 . Actualizado ás 15:28 h.

Loli Martínez é a sexta de doce irmáns. Nunca houbo diferenza no trato, na crianza, no apoio ou nas posibilidades que os seus pais lles brindaron a cada un deles —e iso que oportunidades na década dos trinta non había moitas—. Poida que sexa por isto que aos seus 87 anos, Loli é unha muller sen medos e con aínda moitas cousas por facer, mesmo dar por superada unha pandemia —hoxe recibe a primeira dose da vacina contra o covid—. Os que a coñecen ben din que é unha muller brava, valente e loitadora e ela fai que si coa cabeza, mentres mira para outro lado. Porque ademais de toda esa firmeza, está chea de humildade, de xenerosidade e de xustiza. Ten a memoria intacta, por iso non lle custa nada regresar a 1950. Un ano especial, xa que nese entroido empezou a vestirse de pantalla de Xinzo. E é que antes que ela non o fixo ningunha muller, Loli foi a primeira en saír de pantalla. «Eu tiña 16 anos. Viñeron uns amigos buscar ao meu irmán Leoncio, pero non estaba, así que baixei eu coa máscara posta. Dixéronme: ‘Agora vés ti connosco que te imos tratar coma unha raíña', conta. «Pasámolo de marabilla». Despois dese entroido viñeron moitos, igual que detrás dela chegaron moitas mulleres pantalla. «Cada vez sumábanse máis, ata hoxe que a cousa está igualada entre homes e mulleres», afirma.

Con 19 anos emigrou xunto a unha irmá e algunhas amigas a Alemaña . Alí viviu preto de trinta anos. Chegou para traballar nunha fábrica de carne na que coñeceu ao seu marido, Helmut, que faleceu fai catro —único recordo capaz de crebarlle a voz—. «Deixábame unha Pepsi-Cola todos os días na polea onde eu cortaba as salchichas, cunha notiña onde escribía ‘Para Loli'», afirma. E foi para sempre. Volveron, xa cun fillo, en 1970 . Agora ten un neto que traballa en Vigo. «Eu quero que estea máis preto pero...», di. Déixalle voar. Como voou el no seu momento. Aínda que non se dá moito mérito, sabe que é unha muller que abriu camiño e pensa que aínda queda por andar. «A min dábame igual o que me dixeran, seguíame vestindo de pantalla e punto. Hai que saber perseverar no que un quere se non fai mal a ninguén», explica. Tanto que segue disfrazándose, mesmo en ano covid: «Este ano houbo cocido e votamos algún trapiño por riba». Sempre acompañada de Monchi, a muller que a axuda no seu día a día e filla da que foi unha das súas mellores amigas.

Hai moitas cousas que Loli ten claras: que Xinzo é o mellor lugar do mundo, que o entroido é a mellor festa do ano e que as mulleres e os homes son iguais. Ou deben selo.