«Na guerra os peliqueiros escapaban da Garda Civil, pero do bicho non podes escapar»

La Voz OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

Carmen Fernández leva 46 anos facendo a bica que se reparte en Laza o día que se estrean os peliqueiros

17 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En marzo había moito medo e poucas máscaras. Por iso Carmen Fernández, que cada vez saía menos de casa, dedicou o tempo que tiña e as teas que gardaba a fabricalas para os seus veciños. Non é a única achega desta muller de Laza á súa comunidade. Leva 46 anos encargándose de preparar a bica que cada domingo de entroido repártese ás portas da igrexa, cando se estrean os peliqueiros. Desde 1974 só o coronavirus hase interposto entre ela e a receita, que elabora co seu irmán e unha cuñada. «Botamos en falta o traballo que nos dá -di irónica- pero para o ano xa temos falado de facer dúas. Para que a xente se farte. Haberá festa rachada... se vivimos. Que eu quero vivir». Carmen explica que preparan unha bica moi grande e outras seis pequenas. E que empezou a buscar substitución porque ela é maior e non quere que se perda a tradición. O ano pasado xa contaron con dous veciños dispostos recoller a testemuña.

Sobre o entroido máis triste de Laza, fai memoria. «Dame moitísima pena. Sempre se celebrou. Ata na guerra. Daquela, para vestirse de peliqueiros, escapábanse da Garda Civil. Porque se os pillaban ían dous ou tres días ó calabozo. Pero agora non podes escapar, porque o bicho non se ve», asegura esta veciña de Laza, en alusión ao covid-19.

Lanza tamén unha mensaxe aos máis novos, mentres repasa no seu móbil as fotos nas que lla ve elaborando a bica: «Que teñan sentidiño. Que pensen nos pais e nos avós. Que entroidos ha de haber máis, se Divos quere».

A pena de Carmen compartírona os demais veciños de Laza. E a lectura do Testamento do Burro non veu senón a confirmar o sentimento. Entre bágoas acabou a representación, con pouco público e retransmitida a través de Internet. Durante quince minutos repasouse a actualidade, con alusións á pandemia e ao «algún caso illado» de Fernando Simón, pero tamén ao regreso á alcaldía de Laza de Moncho Barreal e ata ao asalto ao Capitolio.