«Aínda que superes un cancro non podes evitar pensar, e se volve?»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

A ourensá Chefi Fernández loitou contra a enfermidade en tempos de pandemia

05 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Foi en febreiro do 2019. Tocáballe facerse unha mamografía e aos poucos días de realizarlla, a Chefi Fernández sooulle o móbil. «Tería que vir canto antes polo hospital para facerlle algunhas probas máis», díxolle unha voz amable alén do teléfono. No mesmo mes tivo o seu diagnóstico: cancro de mama en grao 2, afectando a ganglios linfáticos do brazo esquerdo. Fixo falta unha intervención cirúrxica para extirparllos e sesións de quimio e radioterapia. Logo veu un ano de inmunoterapia e agora está a piques de cumprir os dous desde que comezou a súa loita, Chefi é unha paciente libre de enfermidade. «Estou contenta, pero medorenta. O cancro faiche cambiar completamente e creo que non volves ser a mesma persoa. Demóstrache que che pode pasar a ti e entón, aínda que o superes, non podes evitar seguir pensando sempre, e se volve?», di.

Entre medias, esta ourensá de 58 anos sufriu un desprendemento de retina, nunhas semanas operarana de cataratas, e todo soportando unha pandemia. «O peor era ter que ir soa a facerme as probas ou o tratamento, neses momentos necesitas a compaña de alguén a quen queres», explica. Recibiu o cariño dos seus seres queridos a diario, con chamadas, vídeos e mensaxes, e tamén o apoio da AECC. «Están moi pendentes de min. Unha voluntaria da asociación chámame dúas veces por semana, é incrible o moitísimo que me anima e como me coida. Apóiome moitísimo nela porque é moi alegre», conta. E iso que o seu ánimo aínda está un pouco baixo e recuperándose: «Atópome bastante cansa e sinto que perdín forza e enerxía», admite. Aínda así, o pasado de Chefi, no que hai varias operacións por miomas no útero e nos ovarios, e outra intervención na columna vertebral, demostra que é unha muller forte e loitadora, que soubo sempre saír adiante. É tamén faladora, traballadora, moi próxima e cariñosa.

Chefi empezou a pandemia vivindo soa. «Tiña medo, claro, sobre todo durante o estado de alarma. Afectoume bastante, especialmente non poder ver á miña nai, ao resto da miña familia e ás miñas amigas», explica. Un dos seus grandes apoios en todo ese tempo foi o seu gato, Nilo. «Leva comigo desde que caín enferma e axudoume moito. O ter que coidar del fíxome sentirme capaz. É incrible o que achegan os animais, a verdade. Ademais é un juguetón e sempre me reclama atención», admite. Hai uns meses a súa tía mudouse con eles. «Estou pendente dela e facémonos compaña», engade. Nesta terceira onda de covid decidiron extremar a prudencia e apenas saen á rúa. «A comida pedímola todos os días a cafetería Paparazzi, así non temos que cociñar nin que ir ao súper», conta. Gústalle ver series, agora está engancha a Nai e Love is in the air, non perdoa as sestas e tómase a vida con calma.

A Chefi agora fanlle probas cada tres meses para comprobar que todo segue ben. Ten un linfedema -unha inflamación que se produce cando o sistema linfático non é capaz de drenar- no brazo esquerdo provocado pola falta de ganglios que lle quitaron. «Estou a agardar a que me chamen do centro de Piñor para comezar a rehabilitación», explica. Algo que pensa, debería ter comezado xa. Beatriz Rodríguez, psicooncóloga de AECC de Ourense dálle a razón: «Varias pacientes están a ter problemas para que se dea resposta aos linfedemas, sobre todo, por mor da pandemia». A situación sanitaria que trouxo a chegada do covid-19 tamén puxo de manifesto as dificultades económicas ás que teñen que facer fronte algúns pacientes. «No meu caso puiden facerme cargo», di Chefi. Este ano, no Día Mundial na Loita contra o Cancro, a AECC puxo o foco na procura da equidad. «Pedimos que se destinen partidas específicas e de maior protección social ás familias nas que hai un enfermo de cancro. Os gastos económicos ligados a esta enfermidade provocan situación de pobreza nun 25 % da poboación hoxe en día e hai que corrixilo», remata Beatriz Rodríguez.