Pechan unha aula do CIFP A Farixa a causa do coronavirus

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

O CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, e o CPR Sacro Corazón, de Celanova, entran na listaxe de centros educativos afectados

27 ene 2021 . Actualizado ás 16:01 h.

Os casos de covid-19 asociados a centros educativos da provincia de Ourense increméntanse unha xornada máis. Se onte eran 362 os afectados, hoxe o repunte chega ata os 371, con oito aulas pechadas (dúas menos que onte) e tres recintos pechados: o Centro De Educación Especial Miño, en Ourense cidade; a escola infantil da Pobra de Trives; e o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Riós.

Este mércores, o foco pasa ao CIFP da Farixa, ao que se vinculan sete casos activos de coronavirus e onde se pechou unha aula. Mentres, reabríronse as dúas que estaban fóra de servizo na escola infantil de Barbadás e tamén a única que estaba blindada no IES de Allariz , que tras chegar a un pico de 25 nos últimos días continúa reducindo o número de afectados adscritos ao centro e queda momentaneamente en 21 (un menos que o martes).

Esta xornada, no balance das Consellerías de Educación e Política Social entran o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle , ao que se asocia un caso activo de covid-19; e tamén o CPR Sacro Corazón, en Celanova , ao que se asocian dous. Doutra banda, sae da listaxe o CEIP Condesa de Fenosa , do Barco de Valdeorras, que contabilizaba un caso ata onte.

Actualmente, na provincia hai 104 centros educativos afectados polo coronavirus, aínda que hai matices nos números: numerosos contagios teñen a súa orixe fóra dos colexios e institutos, en contornas familiares, e as cifras de afectados non inclúen soamente ao alumnado, senón tamén a persoal docente, non docente e colaboradores.