Pechan o Centro De Educación Especial Miño a causa do covid-19

La Voz OURENSE

OURENSE

Sandra Alonso

Centros educativos da Pobra de Trives, A Rúa e Amoeiro entran na listaxe dos que teñen asociados casos de coronavirus

26 ene 2021 . Actualizado ás 16:52 h.

O repunte de casos activos de covid-19 asociados a centros educativos da provincia é especialmente notable este martes. Xa son 362 os afectados, 55 máis que o pasado sábado, cando as Consellerías de Educación e Política Social contabilizaban 307.

Na listaxe dos recintos que actualmente se atopan pechados entra o Centro De Educación Especial Miño, situado na cidade e ao que se adscriben cinco casos de coronavirus . Así, súmase ao momento de Atención á Infancia (PAI) de Riós e a Escola Infantil Unitaria de Pobra de Trives como os centros educativos que están por agora fóra de servizo. Mentres, hai dez aulas pechadas: as dúas últimas, no colexio Maristas (situado na cidade e con 10 casos asociados) e o CEIP de Sarreaus (ao que se adscribe un afectado). 

Doutra banda, entran no balance o IES Xermán Ancochea, da Pobra de Trives, cun caso vinculado; o IES Cosme López, na Rúa, tamén cun; o CEIP Ramón Otero Pedrayo, en Amoeiro , cun; e centros educativos da cidade como o CEIP A Ponte, que contabiliza 7, así como o CEIP de Mariñamansa, cun.

A outra cara da moeda móstrana o CEIP Emilia Pardo Bazán, en Leiro; o CEIP Carlos Cid, de Rairiz de Veiga; e o CEIP Carlos Casares, de Viana do Bolo, aos que ata agora se asociaba polo menos un caso e que se libran polo momento da incidencia do virus.

Seis centros educativos con dobres díxitos de afectados

O IES de Allariz , onde os casos asociados caen en cinco para quedar por agora en 21, segue sendo o máis afectado polo covid-19 na provincia. Na cidade, ao CPR Santa Teresa de Jesús asócianse 14; mentres que Maristas e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel contabilizan 10 cada un deles. En Xinzo de Limia, tanto o CEIP Carlos Casares como o IES Cidade de Antioquía reflicten dobres díxitos: 15 e 10 casos, respectivamente.