O tricampión Feijoo buscará a guinda no mundial

OURENSE

CEDIDA

O allaricense sairá en primeira fila do ciclocrós intercontinental sub 23

25 ene 2021 . Actualizado ás 13:30 h.

Allaricense, da escola de Maceda. Hoxe en día, Iván Feijoo Alberte xa é todo un referente no ciclocrós intercontinental. Coas cores do Nesta Skoda Alecar converteuse nun habitual da Copa do Mundo e mesmo se estreou este ano no podio sub 23, na localidade checa de Tabor. Tamén sumou, co recente de Torrelavega, dous dos seus tres títulos nacionais da categoría coa camisola do equipo asturiano. Pero aínda quere máis e no horizonte próximo está a pugna entre os mellores do universo, na cidade belga de Ostende.

«Vai ser un reto diferente aos demais, porque se trata dun circuíto atípico, con moita area. Non é dos que mellor se me dá, pero puiden correr nalgún similar, así que intentaremos adaptarnos o mellor posible», matiza Iván, que volveu gañar un puntiño máis de forma na xira de decembro e a moverse nun ritmo que tamén se verá favorecido polos puntos UCI colleitados, que lle permitirán saír en primeira liña dun mundial moi selectivo.

Feijoo fixouse a meta de igualar polo menos o sexto posto da pasada edición, na suíza Dubendorf, pero sabe que hai adversarios tan fortes como o británico Thomas Pidcock ou o holandés Ryan Kamp, que están nas primeiras prazas do ránking UCI da categoría Elite: «Son moitos os aspirantes, sobre todos belgas e holandeses, que seguramente se adaptarán ben, pero temos que facer a nosa carreira e pechar o mellor posible un ano que foi moi bo».

Nese sentido, o título de Torrelavega xa foi un obxectivo cumprido do cal o ourensán está bastante satisfeito: «Chegaba ben e confiado. Sabía que Jofre sería un rival moi competitivo, porque tamén rendera a bo nivel nas Copas do Mundo, así que intentei soltalo e ao final conseguino». Tras esa misión cumprida no territorio nacional, a cita de Ostende terá tamén un compoñente sentimental ao culminar a etapa de Iván no Nesta, antes de militar na estrutura de Coloma, co seu novo equipo sub 23 do Templo: «A verdade é que non se se volverei ao ciclocrós o próximo inverno, porque a situación é incerta en todo o circuíto. Pero crecín moito no Nesta, grazas á oportunidade que me deron na Copa do Mundo. Aínda que sexa formando parte da selección española, gustaríame darlles unha alegría para pechar esta tempada».