«O humor é unha forma de mirar o mundo»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

cedida

O actor Pepe Viyuela protagoniza «Agardando a Godot», no Principal ás 19.00 horas

23 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Agardando a Godot podería describirse como un raio de luz na escuridade. Unha obra repleta de humor, de humanidade e de esperanza, nun marco de posguerra no que abundan a traxedia, a dor e a pobreza. O clásico de Beckett se reinventa a través da dirección de Antonio Simón e chega ao Teatro Principal este sábado, ás 19.00 horas. As entradas, desde 12 euros e aínda á venda, poden adquirirse a través da web de Ataquilla.

Entre os protagonistas desta versión está Pepe Viyuela, como Estragón. Soben con el ao escenario Alberto Jiménez, Fernando Albizu, Jesús Lavi e Juan Díaz.

-Agardando a Godot é xa un clásico do teatro.

-Sin duda. Falamos dunha función que se estrea en 1952 e que se converte na máis representada do século XX, camiño xa de selo tamén no XXI. A min particularmente paréceme unha función moi complicada pero que precisamente por iso é interesante. Beckett quixo esa complicación, buscou situala nun lugar de ambigüidade tan grande que permitise levar a cabo moitas lecturas diferentes.

-E conseguiuno...

-Si. Dependendo da situación na que nos atopemos, tanto individualmente como desde o punto de vista social, podemos lela de moitos xeitos. Está escrita despois da Segunda Guerra Mundial e claramente, naquel contexto de posguerra, facía referencia a unha situación de perda de rumbo por parte da humanidade e á súa necesidade de ter que volver atoparse. Pero hoxe en día, sen ir máis lonxe, a nós pillounos xusto no medio o covid e non podemos evitar, nin o público nin os actores, que de cada un dos momentos da función xurdan referencias constantes á situación. Esa incerteza xeneralizada e a sensación de que estamos a agardar a que cambie algo e todo pase. É unha obra maxistral, de verdade, cunha capacidade de adaptación a cada contexto histórico alucinante. A min entusiásmame e cada vez gústame máis.

-Pero hai comedia en todo ese drama?

-Durante toda a historia desta función hase intentado profundar no tema tráxico. Con todo o que nós opinamos, empezando polo noso director, Antonio Simón, é que tiña que abundar o humor. Queriamos extraer do texto e da situación todo o humor posible. Evidentemente é acedo e moitas veces ata negro, pero non deixa de ser unha forma de comedia. Ese foi noso obxectivo e despois dun ano virando con ela, podo dicir que o conseguimos, esperta moito as gargalladas dos espectadores e iso é algo do que estou moi orgulloso. Esta obra é unha sabia combinación de traxedia e de comedia, moi ben servida, cuns personaxes excepcionalmente tenros e vulnerables. No fondo a nosa versión de Agardando a Godot ten moito de pallaso e estámolo pasando moi moi ben con ela. De feito, acabamos as actuacións no verán e non teño ningunha dúbida de que me vai dar moitísima pena deixar de ser Estragón.

-Como definiría esta versión?

-Creo que é esperanzadora. A pesar da negrura na que viven, os personaxes non perden ese ton alegre, ou polo menos positivo. Asumiron a situación tráxica que lles tocou vivir e tamén que se necesitan, que se teñen que axudar e que o un sen o outro non iría a ningún sitio. Este é un das mensaxes centrais que lanza a función e paréceme que é unha aprendizaxe que, aínda que sempre é importante, nun momento como este é fundamental que o teñamos en conta. É un canto á amizade, á cooperación e ao encontro, por amais das diferenzas de cada un.

-Vostede é un dos actores que mellor traballa a comedia en España. Agora que a situación que nos rodea parece ter provocado o malestar e o enfado xeneralizado, cre que o humor é unha boa forma de salvar ao mundo?

-Creo que o humor se ten nunha consideración diferente á que creo que se debería ter. Relaciónase coa frivolidade fronte ás cousas, mesmo desde a linguaxe popular con expresións como «isto non é cousa de risa» ou «non cho tomes de broma». Creo que canto peor nos vai, tanto na nosa vida persoal como no mundo como sociedade, máis necesitamos do humor. Vexo a comedia como algo terapéutico e sanador. É unha forma de mirar e de estar no mundo. Por suposto, hai veces nas que nin eu podo e caio tamén no desánimo ou no cabreo, pero experimentei ao longo da miña vida que cando me tomo as cousas con sentido do humor estou mellor, afróntoas con maior brillantez e son máis capaz de solucionalas. Fronte ao medo, fronte ao odio e a transigencia, o humor é unha ferramenta hermosísima e moi valiosa. Ben utilizada pode servir para reconstruírnos e para axudarnos a convivir, pero non debemos esquecer que non sempre é válida porque hai moitos que a usan para ferir e iso é intolerable.

-Despois de Estragón, que vén?

-Pois este verán empezarei cos ensaios dunha versión de Tartufo  dirixida por Ernesto Caballero. Despois de representar a Beckett, que chegue Molière faime moitísima ilusión e teño infinitas ganas de fincarlle o dente. E tamén empezaremos en breves cun programa de entretemento que se chama A noitede . Estréase a finais deste mes en TVE e estou encantado porque alí estarei con compañeiros incribles como Dani Rovira, Antonio Resines, Cristina Medina, David Perdomo e Lara Ruiz. Imos pasárnolo ben e a intentar que sexa moi divertido