Cheira a Ceibe no salón

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes levan as elaboracións do seu restaurante á casa dos ourensáns

22 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A que cheira Ceibe? Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, alma e corazón do restaurante situado na rúa SanMiguel , responden que «a fogar, a Galicia, a cultura e a tradición». A realidade é que cheira á avoa do pobo cociñando durante horas, cun toque de exóticas gastronomías e boa música. Cheira a plena liberdade creativa e a diversión, pero tamén a traballo exhaustivo. E todos eses cheiros son os que agora esta parella de chefs quixo trasladar ás casas dos ourensáns en forma de comida, claro. Fixérono a través da versión para levar do seu restaurante, A túa casa cheira a Ceibe. Puxérona en marcha co peche da hostalería en novembro, tres meses despois de abrir as portas de Ceibe na capital, e acábana de volver lanzar en vista das últimas restricións que lles impiden traballar no interior do local. «Nace da necesidade de seguir currando. Intentamos achegar á xente o que facemos xa que a nosa casa está pechada. Tamén é unha forma de manter a simbiose cos provedores, parte fundamental de este proxecto», explica Xosé. E é que é algo temporal, unha forma de reinventarse e de sobrevivir ás restricións pola pandemia.

No comedor elaboran menús degustación, capaces de evocar momentos e de provocar emocións nas persoas que se sintan ás súas mesas. É algo así como unha festa organizada por Xosé e Lydia. A versión para levar implica unha parte emocionante e é que permite ao comensal escoller os pratos que máis lle gusten. A carta ten oito opcións fixas. «Son o que máis triunfou e tamén algunha tolemia nova que creamos», di Lydia, sen poder ocultar as chiribitas nos ollos. Está a pensar nos «canciños», uns cachorros quentes nun pan de brioche salgado elaborado con masa ourensá A Pinsa de Nico. Levan salchicha, boloñesa de kimchi —unha fermentación de vexetais, no seu caso, a base de repolo e nabo—, emulsión de ovo frito, queixo rallado e algunhas sorpresas máis. É unha explosión de sabor e «unha gochada», tal e como apunta Xosé. «Eu cando pido comida para casa quero quedarme farto no sofá. Coidamos moitísimo a calidade pero non esquecemos a cantidade», afirma. «Intentamos adaptar a nosa forma de cociñar a este formato. O resultado é comida máis informal, con laque chegar a máis persoas. Por iso queremos que veñan eles mesmos a recollela, para coñecerlles e explicarlles que van comer», engade Lydia.

Fan ramen, lasaña de galo celta, costela a baixa temperatura, mollete de lacón, albóndegas con curri vermello e tamén empanadillas. Estas últimas téñenas da súa versión de kimchi ou de espinacas. A sobremesa está coroado por unha torta de queixo case máxica, desas co interior pouco callado e que se comen tépedas. Todo soborda mimo e ilusión, técnica e moita implicación. Pódese pedir de xoves a domingo e cada finde engaden dous pratos fóra de carta. «De culler e para entrar en calor», di Xosé. Leste tocan morros guisados e lentellas tikka masala. ¡Que ben cheira a Ceibe no salón!