O colexio Saco e Arce de Toén gaña un concurso da RAG

La Voz OURENSE

OURENSE

Os alumnos do colexio Saco e Arce de Toén xa acumulan varios premios en concursos similares
Vos alumnos do colexio Saco e Arce de Toén xa acumulan varios premios en concursos similares Santi M. Amil

A través dun vídeo, os alumnos contaron como foi o seu Día das Letras Galegas

20 ene 2021 . Actualizado ás 08:23 h.

O colexio Saco e Arce de Toén foi un dos gañadores da última edición de Contádenos o voso Día das Letras Galegas. Os outros dous premiados foron o Juan Fernández Latorre (A Coruña) e o Marco da Portela (Pontevedra). Os tres centros participaron no concurso que organiza a Real Academia Galega con traballos arredor da vida e da obra de Ricardo Carballo Calero, que implicaron a participación do alumnado e das familias durante o confinamento e a desescalada, e que constitúen unha boa mostra do esforzo que realizou o conxunto da comunidade educativa para celebrar as Letras Galegas 2020 en plena pandemia. Tampouco faltaron materiais elaborados polo profesorado para facilitar a celebración dende os fogares. Os colexios gañadores serán premiados con lotes de libros para dotaren as súas bibliotecas.

O CEIP Saco e Arce participou cunha das iniciativas máis orixinais para achegar os nenos á Carballo Calero. O profesorado animou o alumnado a profundar na súa vida e no seu legado literario e a localizar en Ourense a rúa dedicada ao filólogo e escritor. Unha vez atopada, deixaron nela debuxos, poemas e outras creacións a modo de homenaxe.

O resultado pode verse nun vídeo de resumo no que Xoana fala da súa lectura de As pitas baixo a chuvia, Pablo e a súa nai len un fragmento do mesmo relato, e Noa, Aixa e Luán recitan versos do escritor na rúa do autor. Outros compañeiros levaron a rúa Carballo Calero ata as súas casas e comparten tamén lecturas do escritor nun vídeo que remata con fotografías que ilustran máis homenaxes da comunidade educativa. A CEIP Saco e Arce compartiu ademais a actividade con outros colexios galegos pedíndolles que se sumasen a esta iniciativa dende as demais rúas de Galicia que levan o nome de Carballo Calero. Os nenos e nenas de infantil deste colexio tamén participaron nas Letras Galegas 2020 ilustrando As pitas baixo a chuvia. Por último, as familias celebraron o 17 de maio con música tradicional.

Un total de oitenta centros de educación infantil e primaria de toda Galicia concorreron á última edición de Contádenos o voso Día das Letras, o concurso creado pola RAG en 2017 ao abeiro do proxecto Primavera das Letras.