«Vai frío, pero recordo que había anos con neve como a destes días en Madrid»

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A Xunta decretou a alerta laranxa no sur da provincia para previr sobre as baixas temperaturas, que chegaron a marcar nove graos baixo cero

13 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O sur da provincia de Ourense converteuse estes días no conxelador de Galicia. Aínda que toda a provincia amenceu este martes cos termómetros baixo cero, as comarcas da Limia e Verín leváronse a palma con mínimas de nove graos baixo cero en Calvos de Randín e Os Blancos, ou de oito en negativo en Baltar e Verín. Esta situación levou á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta a activar a alerta laranxa por temperaturas mínimas no sur da provincia, co obxectivo de garantir a seguridade dos veciños. Esta situación preventiva, que foi remitida a todos os servizos de urxencias dos concellos afectados, foise normalizando ao longo da xornada, sobre todo pola tarde cando as temperaturas superaron os cero graos. Segundo as previsións de Meteogalicia, o frío seguirá na provincia, aínda que os valores non serán tan acusados como na xornada deste martes. As xeadas fixéronse presentes por toda a provincia e mesmo a capital, O Carballiño, O Barco ou Allariz amenceron con catro graos baixo cero.

A pesar da situación de alarma, en Calvos de Randín saben o que é vivir baixo cero graos. Aínda que hai anos as nevadas eran maiores, seguen tiritando cando os termómetros baixan tanto que ata as fontes se conxelan. A pasada semana chegaron mesmo aos 12 graos negativos. Por iso, cando os raios do sol están máis arriba, os veciños aproveitan para saír da casa. Estes días véselles paseando á primeira hora da tarde buscando a calor.

«Moito frío, rebentan as canalizacións» di Germán Rodríguez, veciño da localidade. «Pola noite estamos na cama e polo día no lume», resume. «Hai que aproveitar o sol, logo xa non se aguanta», afirma. Ao seu lado está Celsa Vázquez. Comparten conversación: «Tal e como vedes que está Madrid, pois así estabamos nós sempre. Vai frío, pero recordo que había anos con tanta neve como a destes días en Madrid. Chegábanos a neve ó medio das pernas. E frío tivemos moito, moito. O peor é o outro, o do coronavirus». E é que eles xa están máis que acostumados a invernos moi fríos. Germán explica que non ten calefacción en casa e que se quenta na lareira, que ten acotío acesa, como fixo sempre, desde neno. «Aquí sabemos o que facer cando chega o frío. Primeiro, protexer as tubaxes da casa», di e sinala as súas.

As estradas están limpas e o acceso ás poboacións do concello é doado -con precaución en zonas de sombra da estrada- e só sofren algunhas plantacións queimadas polo frío e fontes públicas das que non brota demasiada auga, ao estar xeada. Algúns, mesmo, gozan das terrazas dos bares.