Caen as matriculacións de vehículos, con 1.768 altas menos que no 2019

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

As unidades da Administración do Estado presentaron os seus respectivos balances do ano na Subdelegación do Goberno

11 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As distintas unidades da Administración Xeral do Estado que teñen presenza en Ourense presentaron os seus respectivos balances de actuacións na Subdelegación do Goberno dentro da Comisión de Asistencia ao subdelegado que se celebrou en dúas xornadas para cumprir coas medidas de capacidade decretadas polo covid-19.

Os distintos servizos presentaron os seus datos máis relevantes. En canto ao SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal, destacouse que entre xaneiro e outubro tramitáronse en Ourense 101.630 expedientes, dos cales 64.098 eran de ERTE . A nómina de prestacións nese mesmo período elevouse na provincia de Ourense a 107,9 millóns de euros.

subdelegacion

No relativo a seguridade cidadá, os responsables dos corpos e forzas de seguridade destacaron que a taxa de criminalidade reduciuse na provincia a 24,5 infraccións por cada mil habitantes, dous puntos menos. Entre xaneiro e setembro houbo 5.425 infraccións penais, mentres que nos nove primeiros meses do 2019 foron 6.076 ilícitos.

No que respecta ao Tráfico, a DXT computou once falecidos no que vai de ano, nove deles na estrada e dous en vías urbanas. Os accidentes de circulación deixaron sesenta feridos graves na provincia, polos 86 que houbo no 2019. As colisións con animais seguen sendo un dos principais motivos nos sinistros, con 1.248 partes por esta causa. Na provincia, segue sen haber ningunha zona considerada como punto negro segundo os criterios da Dirección Xeral de Tráfico. As matriculacións caeron de forma notable na provincia ourensá, pois este ano son 3.825 os vehículos matriculados en Ourense, polos 5.593 do ano 2019.

En canto a estradas, nos viarios do Estado destacouse os investimentos para reparar o talude desprendido na N-120 e melloras en seguridade viaria no tramo entre Ourense e Os Peares. Informouse que hai outros proxectos en estudo para esta estrada nacional.

Pola súa banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil apuntou que terá un orzamento de 37 millóns de euros no 2021 e que subscribiu convenios cos Concellos de Maside, O Barco, Entrimo, O Carballiño Amoeiro, Barbadás, Lobios e Vilamarín.