O Consello Municipal de Deportes idea unha san Martiño virtual e solidaria

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A inscrición ábrese hoxe e permite colaborar con retos individuais e colectivos a través de aplicacións

25 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Consello Municipal de Deportes (CMD) de Ourense organiza unha carreira de san Martiño virtual, coa que pretende manter vivo o legado da popular pedestre, que este ano non se celebrou debido ao covid. A actividade recadará fondos para dous proxectos solidarios de Cruz Vermella e de Cáritas. 

Os interesados poderán inscribirse a partir do 25 de novembro a través da web oficial http://asanmartino.com/ ou a través dunha aplicación móbil. Non se esixe cota de inscrición pero si unha doazón de polo menos un euro para algún dos dous proxectos. Con esta achega, o participante poderá desenvolver un reto individual e participar noutro colectivo.

O reto colectivo consiste en intentar chegar aos dez mil metros de que consta o percorrido tradicional da san Martiño que correrá un personaxe virtual, a castaña Martiña. Cada quilómetro comprado polos inscritos suporá un metro dese reto colectivo. A posición da corredora virtual actualizarase diariamente.

No reto individual, os participantes pódense descargar unha aplicación móbil para rexistrar a súa carreira persoal real,de cinco ou dez quilómetros. Teñen a opción de compartir unha foto con filtro emulando unha chegada da san Martiño.

O reto escolar intenta fomentar a participación dos profesores de educación física e dos seus alumnos cunha proba similar ao reto colectivo de adultos, sumando os quilómetros que fagan todos para facer avanzar á corredora virtual.

O proxecto de Cruz Vermella trata sobre a promoción do éxito escolar de nenos e nenas con dificultade social e o de Cáritas é específico para este proxecto e busca axudar aos afectados pola pandemia. A Caixa doará cen euros por cada colexio participante.