Comezan catro meses de obras para remodelar a zona de consultas externas do HCV

María Cobas Vázquez
María Cobas O Barco

OURENSE

El conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en su visita al Hospital Comarcal de Valdeorras
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao Hospital Comarcal de Valdeorras SERGAS

O Sergas licitará nos próximos días a reforma do hospital de día e a zona de cirurxía maior ambulatoria

01 dic 2020 . Actualizado ás 15:23 h.

En breve comezarán as obras de remodelación das consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras. Cun prazo de execución de catro meses, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que onte visitou o hospital, asegurou que as incomodidades que os traballos xerarán a traballadores e pacientes redundarán nun beneficio cando estean listas.

A reforma dun espazo de 800 metros cadrados custará 400.000 euros. Instalarase un ascensor que permitirá subir camas «que era unha demanda bastante importante, sobre todo do servizo de xinecoloxía» e mellorarase o confort térmico da zona de rehabilitación e a zona de espera para as resonancias magnéticas.

Ademais, García Comesaña anunciou que se acaba de adxudicar a dixitalización da sala de raios. «Usaba imaxe dixital, pero cun método indirecto, e agora incorpórase un sistema que vai permitir ter esa imaxe máis rápido e de máis calidade, e facilitar o traballo dos profesionais do servizo de radiodiagnóstico», explicou.

Remodelación do hospital de día e a zona de cirurxía

Doutra banda, o conselleiro avanzou que nos próximos días licitarase a reforma da zona de cirurxía maior, farmacia e hospital de día; unha obra cun custo de 1,4 millóns de euros.

No hospital de día ampliaranse os espazos e melloraranse as consultas, buscando unha maior intimidade dos pacientes. Crearanse dous ámbitos específicos: un de oncoloxía e outro de paliativos. Tamén se prevén reformas na unidade de endoscopias, cunha sala de espera e outra pre e post sedación.

Ademais, na zona de cirurxía maior ambulatoria crearase unha zona diáfana, o que permitirá colocar máis camas e cadeiras de brazos.