Os servizos de Urxencias dos tres hospitais da provincia disporán do test de antígenos

La Voz OURENSE

OURENSE

CEDIDA

A área sanitaria disporá, de inicio, de 10.000 unidades destas probas rápidas

24 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras dispón desde este venres das 10.000 primeiras unidades dos test rápidos de antígenos, recentemente autorizados polo Ministerio de Sanidade. Estas probas, que permiten dispor dun diagnóstico de covid-19 nun período de dez a quince minutos coa mesma fiabilidade que as PCR, poranse a disposición do servizo de Urxencias xerais e pediátricas dos tres hospitais públicos da provincia.

«Outra das súas vantaxes é a súa alta sensibilidade para determinar a presenza do virus no organismo incluso en etapas precoces, nos primeiros días de infección», indican fonte sanitarias. «A Consellería de Sanidade tomou a decisión de priorizar o seu uso nos servizos de Urxencias para axilizar a confirmación da sospeita diagnóstica», agregan. Neste sentido, desde o Sergas valoran a dispoñibilidade destes test precisamente agora, co aumento da incidencia de patoloxías respiratorias e previa ao comezo da diseminación do virus da gripe estacional.

«A principal diferenza deste test coa PCR é os de antíxenos detectan as proteínas do virus, mentres que os primeiros fano co ADN», ilustran fontes sanitarias. «Proporcionan unha información similar á das PCR, con taxas de sensibilidade e especificidade case iguais, pero non require material especializado nin trasladar a mostra a un laboratorio», sinalan.