O Tribunal Supremo confirma os 16 anos de prisión para os dous asasinos de «A Esmorga»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A condena é xa firme tras rexeitar o Alto Tribunal o recurso de casación e ambos os autores seguirán en prisión

21 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A sentenza do caso de «A Esmorga», coa condena a 16 anos de prisión aos dous autores do asasinato con aleivosía dun mozo romanés de 22 anos, na canle do Viñao en decembro do 2014, xa é firme. O Tribunal Supremo (TS) desestimou o recurso de casación presentado polos dous acusados contra a resolución do TSXG que confirmaba así mesmo a sentenza condenatoria da Audiencia Provincial de Ourense, onde foron xulgados por un xurado. Ademais de ratificar a extensión da condena de cárcere, o TS establece que os condenados, Óscar Estévez e Eduardo López -quen foron encarcerados o 7 de febreiro- deberán indemnizar á nai da vítima con 106.000 euros. No seu recurso, un dos acusados admitía que estivera presente no asasinato, pero non a súa participación nel; o outro dicía que non houbo intencionalidade. Con todo, o TS reitera a súa resposta de que «a motivación do veredicto é un todo que non pode descomporse artificiosamente en partes, nin cada resposta do xurado pode ser entendida de modo estanco» e desmonta a versión dos recorrentes.