Distancia social

OURENSE

20 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Outra vez fútbol. En directo, no Couto. Os optimistas chegamos a pensar que a tempada empezaría con público e coa pandemia como un incómodo recordo, pero non é así. O covid-19 segue apertándonos e expón probas para as que non estabamos preparados, así que debemos superalas adaptándonos como nos sexa posible.

O Ourense CF se esmeró en extremar os coidados para que se cumprisen as normas dunha cidade confinada e o balompé puidese volver ser ese entretemento que vai máis aló, convertido en motor socioeconómico que de modo directo ou indirecto tamén mellora o nivel de vida de moitas familias. Só eramos 75 afortunados -incluídos os cronistas-, unha cifra que confiamos en incrementar pronto, sobre todo porque significaría que as restricións non sexan tan severas, en proporción ao descenso das estatísticas de contagios.

Iso si, a distancia social nas bancadas, a máscara, a prohibición de fumar -si podemos deixalo-, ou o bar pechado son características que -do mesmo xeito que noutras facetas da nosa vida- seguirán cambiando o noso fútbol de sempre, polo menos por un tempo máis.

Mentres tanto, alivia saber que eses homes de verde representativos do Carballiño van loitar por todo este ano, que o Barco segue navegando a toda vea ou a aposta pola mocidade da UD Ourense non era un socorrido farol. Ata é posible que me aprenda pronto o novo once dun Ourense CF que deixou ver cosillas, aínda que van atrasados ao cruzarse co maldito virus. Sempre o dixen, os deportistas serán dos primeiros en vencelo.