Ourense supera os 115 ingresados por covid no segundo día consecutivo de baixada da curva

La Voz OURENSE

OURENSE

CHUO
CHUO MIGUEL VILLAR

Hoxe hai 1.516 casos activos, case un centenar menos que hai dous días

19 oct 2020 . Actualizado ás 14:04 h.

A curva de casos activos na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras sinala baixada por segundo día consecutivo. Non é porque non siga habendo contagios, que os hai (66 nas últimas horas), senón porque hai máis altas (124). No balance do luns 19 de outubro recóllese que hai 1.516 casos activos, que son case un centenar menos que hai dous días (1.610 o sábado). Baixan os casos activos despois de dous días cun número de altas sensiblemente superior ao de novos contagios, aínda que ao mesmo tempo crece a presión hospitalaria. Xa son 104 as persoas con coronavirus ingresadas en planta, mentres que outras 14 precisan coidados intensivos pola gravidade do seu estado.

En planta covid do CHUO hai 91 pacientes, 4 no hospital comarcal de Valdeorras, 8 no de Verín e un en Cosaga. Na uci do CHUO hai 13 persoas, e unha no Carmen.

A cidade de Ourense suma unha semana de baixada da curva

No que respecta á cidade das Burgas, hoxe son 447 os casos activos, despois dunha semana de baixada continua. Fai sete días había 572 veciños infectados, o pico máximo rexistrado en Ourense, e desde entón ha ir descendendo: o mércores 14 eran 572; o xoves, 541; o venres, 534; o sábado, 508 e o domingo, 465. «Seguimos baixando. Ben», publicou xunto aos datos o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, na súa conta de Twitter.

A vivenda comunitaria de Dacón líbrase do virus, que entra na residencia Irmáns Prieto carballiñesa

No que respecta ás residencias de maiores da provincia, non hai demasiados cambios no cómputo xeral, con 255 usuarios infectados (onte eran 256) e 91 traballadores (mesma cifra que no balance do domingo). Pero si hai modificacións se se mira o detalle. Recibiu a alta o único traballador da vivenda comunitaria de Dacón, en Maside, que dera positivo. Desta forma, o centro abandona a listaxe de residencias con casos activos. Tamén se curaron tres usuarios e un traballador de Val de Monterrei, onde aínda seguen sendo positivos en coronavirus 46 maiores e 15 empregados.

Por contra, deron positivo dous traballadores da residencia Irmáns Prieto do Carballiño, que ata agora estaba libre de covid-19; así como un usuario da vivenda comunitaria Pepe e Isa II de Entrimo (e xa son dúas os maiores infectados) e catro usuarios dos Gozos do Pereiro de Aguiar (onde son 161 os maiores e 47 os empregados contaxiados).