Electrografías do feixe de His

TAREIXA TABOADA OURENSE

OURENSE

Agostiño Iglesias

Jorge Julve expón a autonomía da pintura en Marisa Marimón

16 novs 2020 . Actualizado ás 16:30 h.

«Incomodar é unha peaxe da liberdade de pensamento». Remedios Zafra. A galería de arte Marisa Marimón, marca de prestixio internacional polo seu compromiso coa arte contemporánea e a súa reputada profesionalidade presenta a exposición do artista Jorge Julve, Son un móbil, mostra que fai referencia ao novo contexto que estamos a aprender a afrontar, condicionados pola nova realidade que derivou do estado de alarma e do confinamento e que precipitou outra forma de relacionarnos a través dunha comunicación fundamentalmente virtual. A consagrada galerista, impulsou o proxecto proposto como unha análise pictórica das indefinicións, inseguridades e inestabilidades deste histórico momento e unha reflexión sobre o proceso e transformación da idea en resultado plástico e a autonomía da pintura con independencia do seu argumento. Habitar un espazo inhumano, baleiro e tan frío como extenso, globalizador como Internet, ávida sobrecarga de información que responde á necesidade de establecer un diálogo entre a imaxe virtual e a cotiá realidade dun illamento non elixido.

As imaxes e as formas son descontextualizadas, baleiradas de contido, deformadas e delas xorden novas iconografías incompletas, descontinuas como desconexións, interrupcións e pausas a través de franxas que dividen a superficie plástica en bandas horizontais como multitude de pantallas que envían un código inmediato e fragmentado, múltiple dunha escenografía doméstica e baleira nun espazo sen pretextos narrativos.

Julve procede á deconstrucción da figura humana omitiendo trazos distintivos, democratizando a esencia desde o anónimo colectivo, limitando a humanidade do humano a presenza, permanencia , volume e estrutura, opacidade e transparencia, figuración, (deas)figuración e abstracción nas frecuencias que limitan formas segregadas en prismas acristalados ou fiestras que cernan anatomías, borrando como a memoria zonas que sitúan ao espectador no interior da obra que tensa co suspense da inercia na necesidade dun argumento que xustificar.

Fotogramas desprendidos, portais que son unha colmea de imaxes como as devoltas polas cámaras de seguridade nun inexplicable friso, análise do cotián na rutina do habitual e a reserva do íntimo na clandestina e palpitante perversión solitaria do voyeur. Diálogo conxelado en pause como parpadeante elo descontextualizado, baleiro e illado do discurso.

O accidente plástico convértese en análise do proceso creativo. Xesto e intencionalidade dominan o programa iconográfico. O virus da pintura infecta a visibilidade da escena desde un plano intelectual e afectivo de manchas abstractas que ocultan tramos espaciais, interferencias e ruído que diseccionan as formas. Arrastra a pasta pictórica coa brocha en elaboradas texturas mixtas e acoutados resplandores de óleo que conceptualiza reflexionando sobre a pintura como proceso autónomo, levando a figuración ao campo da abstracción que integra entre calidades cromáticas austeras e expresivas.

Unha pintura simplificada con inquietude experimental nos espazos mentais, figuras e reservas, aproximándose esteticamente aos postulados do grupo francés Suport-surface, Neo-abstracción con grafismo informalista e profundas escurriduras. A pintura de Julve experimental e reflexiva, achega valores emocionais e intelectuais que remiten na aristada xeometría das súas secuencias a unha lixeira reminiscencia do cubismo, un diálogo entre o figurativo, descentrado e hipertrofiado das series en papel de acuarelas, onde a mancha tinguida en ocres, rosados e azuis cun fondo dominante e unificador na escala de grises reverberantes e segmentados polo nervioso trazo da liña de contorno tendente ao garabatismo, enreda máis que define o debuxo impreciso, gestual e cristalizado e as anatomías borradas.

Texturas que extreman luces, reservas e opacidades, aplicando a cor en zonas curtas, barreiras perimetrais ou amplas ondas perpendiculares que biselan, acoutan e enturban a imaxe, creando unha atmosfera abigarrada, confusa e nebulosa como as de Turner, chorreos traslúcidos nos grises que neutralizan e manchan o branco nun esquema xeométrico como unha abertura de luz morna na trepidación transparente das formas fuxitivas en tránsito e do fluxo emocional que transforma a realidade en imaxes incompletas de cuxo magma emerxen formas ilexibles e ectoplasmas..