Cinco anos para chuparse os dedos

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A bocatería e hamburguesería Km-0 cumpre o seu primeiro lustro

17 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai cinco anos naceu na capital a bocatería Km-0. O local abriu as súas portas exactamente o 12 de outubro do 2015 nas Mercedes. Aínda que as restricións fagan que non sexa o mellor momento para ningún ourensán que estea detrás dun negocio de hostalería, os propietarios de Km-0 non quixeron deixar pasar o aniversario do seu proxecto para festexalo con todos os seus clientes. Trátase dunha celebración virtual e a través dun sorteo, claro. Un televisor e cinco suculentas ceas no seu establecemento, eses son os premios.

Á volta da súa lúa de mel, Roberto González e Amalia Vidal pasaron uns días en Madrid. Mentres probaban os tan coñecidos bocadillos de luras na Praza Maior da capital, os dous pensaron que por que non galleguizar a proposta. «Así foi. Ambos estabamos sen traballo e nada máis chegar lanzámonos á aventura. O propio nome vén de aí, sacámonos a típica foto no Km-0 e aí tomamos a decisión. Non podía ser outro», di Amalia. «E co noso lema, ‘O teu punto de saída', queriamos relacionarnos coa cidade. Ao estar á entrada da zona de viños, que os ourensáns empezasen as noites de festa ceando na nosa casa», apunta Roberto. A cousa saíu ben. Os clientes non deixaron de crecer e de fidelizarse nestes cinco anos. E é que os bocadillos de moruno, de criollo con queixo do país, de ovos fritos con chourizo ou de lacón con grelos nunca fallan. Tamén triunfan as súas hamburguesas, con tenreira galega e pan caseiro. «Creo que talvez a clave está en que intentamos reinventarnos constantemente», di Amalia. Fano engadindo propostas de bocadillos con alimentos de tempada. Agora están co de polbo á feira e queixo de teto. «Durante o confinamento, para manter o contacto cos clientes, propuxémoslles que nos suxerisen ideas a través do noso Facebook. A máis votada, realizariámola», explica Roberto. Gañou a de Josu Gutiérrez.

Se botan a vista atrás, só lembran momentos bos en Km-0. «Síntome moi orgullosa do que conseguimos, agora máis que nunca», di Amalia. «Tanto o ver cada día caras novas, como contar cos nosos clientes de sempre, fainos moi felices. O seu apoio estanos axudando moito», remata Roberto. Por moitos anos máis para comer coas mans e chuparse os dedos.