Aquí as mulleres séntense ben

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A ourensá Lorena Álvarez acaba de abrir na capital o centro Akiwa Zen

14 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A ourensá Lorena Álvarez Castrillo decidiu fai uns meses que xa era hora de dar forma ao seu proxecto máis persoal. Tras máis de dez anos dedicándose ao mundo das técnicas de relaxación, formándose en terapias holísticas, nas distintas vertentes do ioga ou no plano da nutrición. Fíxoo materializando toda a súa experiencia nun espazo físico no centro da capital. Así nace Akiwa Zen, na rúa Celso Emilio Ferreiro. «É un centro dirixido e especializado en mulleres e nenos. Buscamos promover o seu benestar en todos os sentidos da vida», explica Lorena.

Os servizos que ofrece Akiwa Zen divídense en tres grandes bloques. O primeiro céntrase en coidar a parte emocional a través de terapias como a acupuntura, a homeopatía ou as flores de Bach. O segundo son clases dirixidas que axudar a sentirse mellor por dentro e por fóra. Clases de pilates, de meditación ou círculo de mulleres, entre outras. «No círculo traballamos a través de movementos corporais, de mantras... para liberar os medos e os bloqueos ou mellorar a autoestima», di a ourensá. Imparte catro modalidades diferentes de ioga que van desde o tradicional, ou hatha, ata a última novidade nesta disciplina, o aeroyoga. «Practícase cunhas randeeiras que van atados ao teito, que veñen directamente desde Bali, e con el trabállase moitísimo a nivel muscular», afirma. Tamén estarían o ioga terapéutico ou zen, dirixido a persoas con patoloxías crónicas, pacientes de cancro ou con fibromialxia. E o ioga flow, na que hai máis movementos.

O terceiro bloque de servizos que ofrecen en Akiwa Zen está relacionado con talleres para tratar problemas máis concretos. «Desde a xestión de emocións en nenos con hiperactividade ata cursos de defensa persoal para mulleres», apunta Lorena. «Poder axudar ás persoas é o que me fai sentirme plena e estou moi agradecida pola resposta que está recibindo o centro», remata.