«Eran veráns con calor, con alegría, con aventuras... con vida!»

La Voz

OURENSE

Cedida

O director de Amencer, Xulio César Iglesias, rememora as vacacións da súa infancia, entre A Ponte e o pobo

15 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Non había cole e a rutina rompíase. O día tiña máis luz e había máis liberdade. Era cativo. Era o século pasado; mellor dito, o milenio pasado! E polas mañás, algo cedo, xuntabámonos curmáns e tías e iamos camiñando desde o meu barrio da Ponte cara a Oira, pola ribeira dereita do pai Miño. Non creades que era un paseo normal. Nada máis chegar, baixo o viaduto, dedicabámonos a coller pedras, cadaquén segundo a súa forza, tamaño e esforzo. E cando chegaban os ríos de graxa de ladeira arriba tirabamos as pedras para facer improvisados pasos de pedra a pedra dando pequenos saltiños. Na miña memoria de neno eran moitos ríos de graxa pola ribeira do Miño, pero ao mellor non eran nin ríos nin tantos... aínda que na miña memoria quedou gravado así.

Chegabamos preto de Oira, non ás piscinas (non me lembro moito delas nesa época) e situabámonos nas ribeiras do Miño. Había verde, había espazo, había xente. E alí, intentando cruzar dun lado ao outro, aprendín a nadar grazas ás miñas tías. Eran veráns con calor, con sol, con brisa, con alegría, con aventuras... Con vida!

O regreso, a mediodía, polo mesmo camiño, aproveitando as pedras que colocaramos á ida co divertimento de coller amoras negras, que abundaban pola ribeira do Miño. Metiámolas nuns tubos anchos de plástico que comezaban a verse naquela época, os famosos tuppers. Era un campionato a ver quen collía máis, aínda que cando chegabamos á Ponte, as miñas tías facían que o empate fose o mellor resultado repartindo todas as recollidas a partes iguais entre todos e todas. Cando chegabamos á casa, ían para a neveira, para tomalas de sobremesa ou de merenda.

Outro momento na miña memoria dos veráns ourensáns eran as festas de «Sant Iago», o patrón da Ponte. Unhas festas nas que os protagonistas sempre foron a rúa, a xente, o encontro informal, as tómbolas, as cadeas, as orquestras... Un horario especial no que á noitiña vencía a calor sufocante dos días arredor do 25 de xullo. E na miña casa, a comida familiar na que se multiplicaba a pequena familia nunha grande, moi grande, onde o humor, a risa e a sobremesa triunfaban na mesa, ademais dalgún manxar extraordinario.

Excursións obrigatorias

Para min o verán remataba con dúas saídas especiais e familiares. Unha a Leiro, ao natural e enxebre de hai moitísimos anos, onde un día de baño no río e un xantar ao aire libre amais de toallas e mantas xuntaba á familia do meu pai. E a outra saída por San Bartolomeu, onde nos xuntabamos coa familia da miña nai, na súa aldea, na que o cocido reinaba aínda sendo finais de agosto. Unhas clausuras dignas dunha época do ano na que todo se ensanchaba: as relacións, as anécdotas, o tempo libre, o tempo en familia, a tele (unha, e en branco e negro), o barrio onde se podía xogar ao fútbol na rúa do Mercado e onde o parque era o lugar de encontro sen usar WhatsApp nin teléfono móbil...

Seguramente estas lembranzas teñan algo de idílico, de falta de matices, de pequenas esaxeracións desde a mirada dun neno (como o tobogán do parque da Ponte que na miña lembranza era altísimo e que anos despois eu tocaba coa miña man na parte superior), pero como se di nas pelis ianquis, estas lembranzas están baseadas en feitos reais.

Santi M. Amil

«Nun momento de bloqueos mentais, este equipo soñou cun campamento e conseguiuno»

Dende hai máis de trinta anos no meu verán aparece o campamento urbano que organiza Amencer. Neste verán aparecían nubarróns moi negros que pretendían impedir a súa realización, pero no tempo de confinamento, a miña vivencia foi cun equipo mozo (de corpo e alma) e creativo, xuntos soñamos cunha nova edición do campamento neste veranos da época covid-19. Foi unha aposta arriscada. Xa non lembramos todas as prohibicións e medos que nos cortaban de facer e de deseñar nada. Nun momento de bloqueos mentais, este equipo ilusionado e ilusionante soñou e ideou as actividades propostas, que este verán enchen a miña vida. A grande noticia é que houbo campamento urbano, concretamente tres, e antes as Mañás de Verán. Sen síntomas e cun bo sabor de boca para a rapazada, as familias e o equipo animador. Todo isto foi o que vivín neste verán de 2020: un moi especial, alternativo e ilusionante.