Unha moción de Champions

Miguel Ascón Belver
Miguel Ascón A La CAÍDAS

OURENSE

15 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Exceptuando a capital, o normal nos salóns de plenos dos concellos ourensáns é que as cadeiras do público queden baleiras. No mellor dos casos, o debate só o escoitan un par de xornalistas. Pero todo cambia coas mocións de censura.

Ocorreu en Castrelo de Miño esta semana, pero é un patrón que se repite sistematicamente. É o máis parecido a un partido de fútbol que existe no xornalismo político. O salón de plenos, normalmente baleiro, énchese esta vez de veciños e a maior parte deles acoden alí para defender ao alcalde saínte, que ata ese momento xoga en casa. Acoden con pancartas, berran, insultan, animan, aplauden e agardan a que todo remate para reconfortar aos seus tras saír derrotados do Concello e increpar ao equipo contrario, que neste caso serían os promotores da moción de censura.

Hei de recoñecer que son días nos que me gusta especialmente o meu traballo. Por un intre, a política levanta paixóns. En lugar de ir ao bar a ver o fútbol, ese día só se fala do que ocorre no salón de plenos. Pero, a ver, aínda que son un instrumento democrático lexítimo, as mocións de censura van, con demasiada frecuencia, acompañadas dun certo tufillo a corrupción. O tempo dirá se hai prebendas ou non para os tránsfugas de Castrelo; oxalá que non.

O que é factible pensar é que a inmensa maioría dos votantes que elixiron ao PSOE o ano pasado non o fixeron pensando que dous dos seus concelleiros acabarían dándolle a alcaldía ao PP. E traizoalos igual está un pouco feo.