Os solteiros despídense con cea privada

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Agostiño Iglesias

Yeison Herrera é o propietario do restaurante Adega do Tito desde fai oito meses, onde organiza despedidas

12 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O covid-19 afectou a todos os aspectos da vida, incluídos os máis recónditos, festivos ou peculiares. Un deles son as despedidas de solteiro. Esa festa que se realiza antes dunha voda e na que cada un dos noivos, guiados polos seus respectivos amigos, gozan dunha noite -ou varias- de diversión e sinvergüencería, para pór fin á soltería ao grande. Atrás quedan as viaxes a illas paradisíacas, as visitas a empresas que organizan yincanas e as fins de semana de probas atrevidas e copiosas comidas. No verán do coronavirus as despedidas celébranse de forma máis discreta, iso si, non faltan a comida nin a bebida en abundancia. Polo menos nas que organizan desde o restaurante Adega do Tito, na rúa Manuel Pereira. «Traballamos cunha axencia que se encarga de organizar o evento e conta connosco para as ceas», di Yeison Andrés Herrera, actual propietario do establecemento. «Están a funcionar bastante ben, de feito chegamos mesmo a ter dous nun mesmo día. Está claro que hai que buscar alternativas para calquera tipo de celebración e esta é unha boa opción», engade.

Faise en salóns privados, un dos grandes puntos fortes do restaurante ourensán, o que permite manter a intimidade e a tranquilidade dos comensais. «Temos un salón principal e tres privados que son para 15, 20 e 25 persoas», afirma Yeison. Eses comedores resérvanse a partir de grupos de oito e neles levan a cabo aniversario, aniversarios de voda ou ceas de empresa. En Adega do Tito apostan por menús, tamén diarios, a base de comida caseira. «Creo no traballo constante e agora é o momento de demostralo máis que nunca», remata Yeison, a quen a crise lle pillou co restaurante recentemente adquirido.