Da horta á tenda

OURENSE

Agostiño Iglesias

Bo Padal abri´uns meses antes do confinamento

11 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

 O barrio do Couto deu a benvida a un novo establecemento entre as súas rúas uns meses antes de que se declarase o estado de alarma por coronavirus. Esa circunstancia non desanimó aos seus propietarios, Juan José Rodríguez e Nuria Isabel Salazar, quen agardaron con máis ganas que nunca para poder entregar aos seus clientes o mellor produto canto antes. Unha vez reabertos, eles mesmos presentan que é o que ofrecen desde Bo Padal, na rúa Ervedelo. «Traballamos o produto natural e de proximidade. Apostamos polos produtores galegos e, sobre todo, polos alimentos elaborados de xeito artesanal», explica Juan. Así, entre os seus andeis de madeira, pódense atopar desde conservas de marisco da ría, patés realizados con ingredientes da terra e do mar, froitos secos, especias ou legumes a granel, e ata embutidos de empresas ourensás tan recoñecidas como os Marucho de Manzaneda e os Farruquiño de Maside. «Tamén temos un apartado con froitas e verduras que veñen directamente de hortas ourensás, alimentos que vendemos a diario», apunta Nuria. «Queriamos diferenciarnos do que xa había nesta zona e facelo sempre desde o cariño polo noso barrio, así que decidimos apostar polo artesán e tradicional», conta Juan. Fixérono abrindo un colmado de toda a vida pero con aire un pouco máis moderno e natural. «Somos un complemento para outros establecementos de alimentación ou supermercados que hai pola zona. Vendemos produtos que todo o mundo coñece a un prezo baixo», remata o ourensán natural do Couto. E fano todos os días da semana.