Nin o mundial de Sudáfrica rematou tan tarde. Lémbrano? Aquel paradigma de fútbol estival en terraza, cervexa ou refresco en man. Algún intentou mesmo exportar a vuvuzela para converter o ambiente en máis ruidoso, pero non había nada como os goles da Vermella para aumentar a capacidade.
Coronavirus mediante, aínda nos falta por completar a Champions e a Europa League. Co Atleti xa en cuartos, esta mesma semana volverán exercer o seu reinado televisivo o Real Madrid e o Barça, buscando os últimos billetes para entrar na burbulla de Lisboa. Auguramos, con moitas opcións de acertar, un novo repunte na capacidade dos locais hostaleiros con maiores comodidades, aínda tomando as medidas necesarias para seguir combatendo ao covid-19.
Entre medias, de bar a bar podemos escoitar debates acesos sobre o futuro do Dépor e de toda a Segunda División, ou mesmo desas ligas de dous grupos que xa están propostas para a categoría de bronce ou a Terceira dos catro ourensáns. Si, outra vez o noso cuarteto. Que se Fran Xusto se despraza ao Carballiño, ou algún futbolista fala cos directivos do veciño para saber se o seu proxecto é máis ambicioso nun ano tan complicado.
O balompé de seu é febril, apaixonado e, no verán, por moito que a praia siga triunfando neste mundo de novos hábitos, o é aínda máis. Se metemos nunha coctelera torneos como a Champions, rumores, fichaxes, pretemporadas e unha nova campaña ao virar a esquina, sáenos un cóctel en grao sumo exótico. Iso si, sen quitarnos a máscara e mellor pola tele.