A CEO presionará para que se axilicen obras públicas paradas pola pandemia

La Voz OURENSE

OURENSE

CEO

O organismo cre prioritario que se rematen infraestruturas iniciadas, como a autovía a Lugo, e volver axilizar os traballos do AVE

05 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A comisión de infraestruturas da CEO reuniuse para analizar o estado das obras públicas pendentes de execución na provincia. A comisión retomou a súa actividade tras a paralización pola pandemia. Segundo concluíron tras esta toma de contacto, a declaración do estado de alarma e o confinamento provocaron que as infraestruturas públicas que a patronal considera importantes para estimular o desenvolvemento da provincia non se están executando segundo o ritmo previsto. O organismo empresarial proponse facer forza para reivindicar que se reactiven esas obras. Esta comisión acordou priorizar as demandas e elaborar un calendario coas reunións que solicitarán nos próximos días a representantes das distintas institucións.

Na mesa da comisión estiveron obras como as autovías A-56 (Ourense-Lugo), A-76 (Ponferrada-Ourense), a circunvalación norte, a estación ferroviaria de mercancías no polígono industrial de San Cibrao, a chegada do AVE , a nova estación de autobuses e a ferroviaria de Ourense. Os compoñentes da comisión analizaron de forma pormenorizada o estado actual destas obras e durante os próximos meses farán un seguimento do ritmo e do cumprimento de prazos dos traballos. O obxectivo é estar informados para poder reclamar, se fose necesario, ás administracións responsables, á vez que informar á sociedade ourensá sobre o avance das actuacións.

O prioritario debe ser que se rematen as obras comezadas, como a autovía a Lugo, comentou un dos asistentes á reunión. Tamén que se axilice a construción da liña de alta velocidade, que se estaba executando con eficacia pero volveuse retardar co parón pola pandemia, expuxo outro dos membros da CEO, e facer achegas á nova estación intermodal.

PXOM de Ourense

Entre os obxectivos fundacionais desta comisión de infraestruturas está, precisamente, o velar polo cumprimento dos prazos de execución das infraestruturas públicas e da súa posta en marcha. A comisión da confederación empresarial tamén se propón impulsar a aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense no prazo máis curto posible e «dunha forma ordenada, consensuada e coa debida seguridade xurídica», segundo informou o organismo. Sen PXOM non se pode dar saída á demanda de contrucción, din.