A CEO sobre as irregularidades económicas que denuncia AJE: «Hai cousas máis importantes»

La Voz OURENSE

OURENSE

Alejandro Cruz, segundo por la derecha, junto a la presidenta de la CEO
Alejandro Cruz, segundo pola dereita, xunto á presidenta da CEO Santi M. Amil

Alejandro Cruz, vicepresidente primeiro da patronal, tacha de «moi graves» as declaracións dos novos empresarios

26 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Confederación de Empresarios de Ourense e a Asociación de Novos Empresarios manteñen unha fronte aberta desde hai máis dun ano, por mor das eleccións na patronal. As irregularidades que entón denunciaron desde AJE están agora no xulgado. Pero o conflito segue vivo: a presidenta da CEO acaba de impugnar os comicios dos novos empresarios.

Mentres tanto, desde AJE insisten en que, a raíz do proceso electoral, foron conscientes de posibles irregularidades contables na patronal. O vicepresidente primeiro da mesma, e presidente da asociación do polígono Barreiros, Alejandro Cruz, asegura que se trata de acusacións «moi graves». «Se alguén ten algo que demostrar o normal non é andar publicándoo nos medios de comunicación. O normal é que vaia a Fiscalía, invítolles a facelo», afirma Cruz.

Desde o seu punto de vista, os empresarios ourensáns deben pensar noutros temas: «Hai cousas máis importantes polas que loitar e non encerellarse por estas leas. Vai chegar o AVE e non estamos preparados, están as autovías de Lugo e Valdeorras, debemos recuperar a Cámara de Comercio... Invítoos a que loitemos polos intereses da provincia».

Sobre o tema que orixinou o conflito -que a candidatura de Marisol Nóvoa, da que el forma parte, integrase a persoas ou institucións que non abonaban as cotas, sendo obrigatorio para presentarse- asegura que hai moitas asociacións e empresas con dificultades económicas ás que non se pode presionar cun recibo.

«Cando se creou a CEO algúns aínda non habían nado e non van facer tremer os cimentos da institución. Se non entenden que a institución está por amais das persoas van ter que abandonala», asegura Cruz.

Sobre as denuncias de que membros da directiva facturaban á CEO -sendo segundo os novos empresarios nalgún caso pouco ético e noutro mesmo ilegal-, Cruz asegura que esa relación existía desde hai moitos anos. «Había alguén que estaba a facturar pero eran cursos que cando saíu elixido xa estaban aí. Despois rematou a relación coa CEO, que é o que manda o código ético», matiza.