Absólveno de conducir sen permiso ao non quedar probado que coñecese a resolución

La Voz OURENSE

OURENSE

Antonio Cortés

A carta certificada recolleuna un irmán do acusado, o que suscita dúbidas aos xuíces

24 mares 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«Non quedou acreditado que o acusado tivese coñecemento de que non podía conducir ao ter sido privado da vixencia da autorización administrativa para conducir». Con este argumento absolven os maxistrados da Audiencia provincial de Ourense a un condutor que fora xulgado por un delito contra a seguridade viaria, derivado da denuncia que efectuaron contra el axentes de Tráfico.

O caso ten a súa orixe nun control realizado na tarde do 3 de maio do 2019 no municipio de Vilamarín. Nunha estrada comarcal déronlle o alto os axentes a un condutor ao que solicitaron a documentación, algo habitual. Ao comprobar os seus datos os axentes constataron que ao automobilista lle constaba unha perda de vixencia do permiso de conducir debido a que perdera todos os puntos do carné. A resolución habíase ditado o 21 de febreiro dese mesmo ano e notificouse, mediante correo certificado, no domicilio do afectado, constando que a recolleu o seu irmán.

Un xulgado penal condenou por estes feitos ao acusado, considerando probado que sabía que non podía pórse ao volante, pero agora a Audiencia provincial tomba esa resolución e absólveo. Non hai probas que sirvan para constatar que o irmán informou o acusado da notificación, din os maxistrados, que tampouco admiten como proba outra sentenza condenatoria, polo mesmo feito, cara ao investigado.