Dous anos de prisión por transportar ocultas no seu coche 5.500 caixas de tabaco

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

GARDA CIVIL

O acusado comprara os cigarros en Portugal e pretendía levalos a Francia, pero pillárono nun control

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar de que soan máis a algo do século pasado, os delitos de contrabando seguen presentes en pleno século XXI e proba diso foi o que ocorreu este luns na sala de vistas do Xulgado do Penal 1 da capital ourensá. No banco dos acusados sentouse A. C. D., acusado dun delito de contrabando, tras ser interceptado con máis de cinco mil paquetes de tabaco ocultas nunha furgoneta durante un control rutineiro realizado por axentes da Garda Civil.

Os feitos remóntanse ao 5 de abril do 2019, cando o sospeitoso, procedente de Portugal, circulaba pola A-52. A súa intención era atravesar o norte de España ata chegar ao país veciño, pero nin sequera logrou saír de Galicia. Á altura de Verín instalouse un control de estrada e os axentes que formaban parte del déronlle o alto. Enseguida percibiron no condutor un estado de nerviosismo, o que lles levou a rexistrar o vehículo. Ocultas nun dobre fondo do maleteiro, atopáronse 5.442 paquetes de tabaco de marcas como Winston, Chesterfield, Austin, Marlboro ou Camel. O acusado adquirira os cigarros en Portugal e introduciunas en España «sen cumprir coa normativa legal para a importación da referida mercancía, sen ter pasado polo despacho aduaneiro e sen obter documentación algunha que amparase o tránsito da mercancía», recolle o escrito de acusación deste caso, co que durante a vista o acusado mostrou a súa total conformidade.

Non se molestou en negar que o tabaco era seu, dado que fora achado no seu vehículo, polo que as partes chegaron a un acordo de conformidade. Ao acusado impúxoselle unha pena de dous anos de cárcere, que non terá que cumprir se non delinque. Tívose en conta para impor esta pena a atenuante de reparación do dano.

Fortes multas

Iso si, o acusado tamén deberá afrontar o pagamento de altas sumas de diñeiro, tal e como contempla a lexislación para este tipo de delitos. Así, en concepto de multa terá que abonar 25.797 euros, ao que deberá sumar unha responsabilidade civil á Facenda Pública, por valor doutros 20.627 euros. Permitirase que o vaia pagando en cotas.