O infantil Mesfín dá o salto da canteira da UD Ourense ao Dépor

OURENSE

CEDIDA

A nova promesa había chegado ao club rojillo desde o Nogueira de Ramuín

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A UD Ourense naceu coa vocación de darlle continuidade ao legado do seu desaparecido predecesor, pero tamén coa obrigación de non repetir erros. O traballo coa base é un dos seus mandamentos, como a identidade de club de fútbol popular, á que tamén se engadía a de ser referente para outras entidades da provincia. E o primeiro exemplo de todo iso protagonízao un neno que mañá mesmo cumprirá os catorce anos, Mesfín Gómez (Etiopía, 2006).

A súa nai, María Loreto, adoptouno con pouco máis de tres anos e á hora de velar pola súa educación optou porque practicase deporte, en concreto o fútbol no Nogueira de Ramuín. Fai tres anos, a familia que reside no municipio de Pereiro de Aguiar optou pola UD Ourense, como lembra o seu pai, Celso: «Pareceunos unha entidade adecuada, que traballa ben coa canteira e con xente como moita experiencia no trato cos nenos».

Como ourensanista e a pesar dos problemas do seu club para cadrar adestramentos sen instalación fixa, Mesfín comezou a incrementar a súa visibilidade no panorama do fútbol de categorías inferiores, destacando nos equipos dos rojillos e tamén facéndose con máis dunha distinción individual. Os observadores do Dépor enviaron informes favorables e desde Abegondo comezaron a pensar na promesa do balompé ourensán. O mesmo Celso lembra o proceso: «Hai xa varios meses que desde A Coruña nos indicaron que estaban interesados. Levámolo varias veces para que se adestrase con outros nenos na cidade deportiva e, aínda que a idea era que fichase para a próxima tempada, ao final foise en esta».

O primeiro paso foi o de garantir a súa integración no novo colexio e na residencia do Fogar Santa Margarita , onde xa se instalou Mesfín, coincidindo co que fose xogador do Ourense CF, Jorge García, outro cazagoles que alterna o infantil branquiazul cos cadetes. A chegada do mozo Gómez Pérez non puido ser máis brillante, posto que se estreou con dúas dianas en Nigrán, ratificando o que xa deixara entrever na Liga Galega co seu anterior equipo.

O neno, que tamén brillou sempre nos seus estudos durante a súa época ourensanista, sorprendía ao aducir fronte aos libros que de maior quería «ser notario» e de momento non se despista, aínda que se esforza por render ao máximo tamén en Abegondo: «Moita xente dime que o meu xogo se parece ao de Iñaki Williams, pero a min gústanme Mbappé e Neymar», para engadir que na súa nova etapa deportivista atópase cómodo. «Aquí estou moi ben, estudo, adestro e xogo ao fútbol», matiza Mesfín, que xa mira ao futuro con perspectiva herculina.