Da aldea á televisión

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Cedida

Os ourensáns Pablo Alonso, Carlos Macías, Rubén Pérez e Javier Montesinos participaron no concurso televisivo «Boom»

24 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Pablo Alonso, Carlos Macías, Rubén Pérez e Javier Montesinos son catro ourensáns amigos de toda a vida que este mércores se atreveron a participar no programa de Antena 3, Boom, presentado por Juanra Bonet. Non gañaron nada en metálico pero si en experiencia. «Participar foi superdivertido. Tratáronnos de marabilla e gozámolo moito», afirma Carlos. A idea foi de Pablo: «Sempre quixen ir a algún concurso e leste era xenial porque iamos en grupo. Levaba dous anos apuntándome e ao final chamáronnos». Os catro residen actualmente na Coruña, onde estudan e traballan, pero teñen moi claro onde está a súa casa: no interior de Ourense . Precisamente de ter gañado terían investido o diñeiro en levar a cabo un proxecto de rehabilitación de casas nos seus pobos. Carlos e Pablo son da Veiga, das pequenas localidades de Baños e de Corzos respectivamente. Javi é de Viana do Bolo e Rubén de Solveira , no mesmo concello. «Somos mozos de aldea e desde o principio tivemos claro que queriamos apostar polo que máis queremos que é a nosa terra», di Rubén. «Vemos cada ano como os pobos quedan sen xente nova e non podemos deixar que desaparezan», engade Pablo. Os catro volven case cada fin de semana ás súas aldeas e afirman que viven fóra porque o seu carreiras universitarias lles obrigan. O mércores convertéronse nos Miudiños, mesmo nome que o do equipo de fútbol que tiñan cando eran nenos. Aínda que quedaron eliminados están a desexar repetir experiencia. «En canto poidamos REVISAR volvémonos apuntar. Agora xa é un reto e temos mono de programa», di entre risos Rubén. «Foi un día moi especial e divertido. E aínda que os nervios, entre os focos do estudio e as cámaras, estiveron presenten ao final quedámonos cun recordo moi bo», remata Javier.