Imputan por homicidio imprudente ao cazador que matou a un compañeiro en San Xoán de Río durante unha batida

La Voz OURENSE

OURENSE

PRADERO

No momento do disparo, que rebotó nunha pedra, non había medidas de seguridade xa que rematara o tempo de caza

21 ene 2020 . Actualizado ás 18:50 h.

A Garda Civil imputou por homicidio imprudente ao cazador que a tarde do domingo matou a un compañeiro dun disparo durante unha batida de xabarís en San Xoán de Río. Segundo fontes da investigación, o home disparou a súa arma minutos despois de que rematase a batida, polo que as medidas de seguridade que se marcan neste tipo de cazas acabaran e o falecido, José González Palmeiro, xa baixara a garda.

Segundo explican os investigadores, o cazador puido ver a un xabaril e, sen pensalo, disparou. A bala rebotó contra unha pedra e foi acabar no abdome de Palmeiro. O caso foi remitido ao xulgado de Trives. O imputado ten todos os permisos de caza en vigor.

O suceso tivo lugar á primeira hora da tarde do domingo e ata o lugar, na parroquia de Cruz, desprazáronse axentes da Garda Civil, do Grupo de Urxencia Supramunicipal (GES) de Castro Caldelas e voluntarios de Protección Civil da localidade, pero non puideron facer nada por salvar a vida de José González Palmeiro, que será enterrado esta tarde.