Iván Feijoo cóase entre os dez primeiros en Francia

OURENSE

LIZZIE HAUMESSER

O allaricense suma o seu mellor resultado en Copa do Mundo

20 ene 2020 . Actualizado ás 17:04 h.

Víase vir. Co subidón do seu segundo título de campión de España sub 23 de ciclocrós e cun zurrón cargado de boas actuacións internacionais no seu periplo por Bélxica e Francia no pasado decembro, Iván Feijoo completou o círculo co seu mellor posto nunha carreira de Copa do Mundo, a que disputou este domingo no circuíto francés de Nommay.

O allaricense enrolado no Nesta Skoda Alecar volveu callar unha gran actuación remontando desde fóra do top vinte e confirmando que o seu ritmo era similar ao dos mellores especialistas mundiais da modalidade invernal. Ademais, o resultado aúpa a Feijoo Alberte á vigesimosegunda praza da Copa, afianzándose nun pelotón moi selecto. E esa constatación dálle ás ao deportista forxado no viveiro do Club Ciclista de Maceda: «Puiden facer unha boa carreira nun circuíto que se puxo moi técnico despois de descongelarse. Fixen unha boa saída, pero unha caída fíxome perder moito tempo. quedei sobre o top 40, pero tiña moi bo ritmo e as sensacións eran boas así que ao final puiden conseguir un gran décimo posto. Poderiamos ter loitado por máis, pero aínda así, estou súper contento. Agora, a por a parte final da tempada», argumentaba un Iván que ten subliñado en vermello o mundial a principios de febreiro, unha cita para a cal parece ter sumado méritos suficientes, de cara á convocatoria.