O Envialia rendibilizou o gol de Chiky para sumar outro triunfo

OURENSE

Santi M. Amil

Fútbol sala As xogadoras do Cidade claudicaron ante a eficacia do Roldán nos momentos culminantes do encontro

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Repetiuse o cara e cruz dos ourensáns na Primeira División de fútbol sala feminino, coa mellor noticia nos Remedios, onde o Envialia superou á Universidade de Alacante nun intenso choque: 1-0.

Entrou ben no partido o quinteto de Morenín e ao aviso de Judith seguiu o temperán gol de Chiky, escorada cara á esquerda para bater a Cristina de chute cruzado. As anfitrioas mantiñan un bo ritmo de xogo, pero as levantinas contaban con máis rotacións e chegaron máis frescas aos instantes previos ao descanso. A seis minutos da pausa, Anita estrelou un balón no traveseiro e Vanessa Barberá freou a Rocío, co tempo esgotándose.

Mantívose o equilibrio na segunda metade, pero saíron con novos bríos as de casa, con Marta atopándose coa madeira nun envelenado remate. As alacantinas volveron gozar das súas mellores opcións na recta final, apelando ao xogo de cinco nos últimos cinco minutos, pero se o Envialia mostrouse seguro en tarefas defensivas, tamén respondeu con acerto ao xogo de cinco e, en última instancia, Barberá volveu sacar outro remate de Rocío, nunha das mellores oportunidades forasteiras. Ao cabo, os puntos quedaron en casa.

O que non puido obter beneficios foi un Cidade das Burgas que saíu derrotado da visita ao Roldán: 4-1. As ourensás sorprenderon de saída cunha forte presión en tres cuartos que freaba ás de casa, pero o gol de Cristina aos nove minutos deulle aire ás anfitrioas, que ademais sacaron partido dunha acción de estratexia para anotar o segundo tanto. Outra laxa para as de Manolo Codeso, que acaban de gozar dunha gran opción de Clara.

Foi a mesma goleadora monfortina a que recortou distancias para as verdibrancas, pero na seguinte xogada foi o cadro local o que roubou o coiro en primeira liña e Bet puxo un 3-1 no electrónico que volvía pór o duelo costa arriba para as ourensás. Ante os riscos asumidos polo Burgas, as murcianas volvían ter moitas oportunidades, nun tramo final que arrincou co 4-1 de Marta dos Riscos.