Ciscarse no Sergas

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O que custa ou o que vale. Que é o importante da sanidade pública? Esta semana o Sergas informaba de que case o 5 % do orzamento da Xunta transformarase nos soldos dos profesionais que nos curan, ou axudan a facelo, no mantemento das instalacións sanitarias que percorren miles de ourensáns cada día, no instrumental, o material de laboratorio ou os fármacos. Son 490 millóns de euros que colocados ao lado dos 85,7 dos orzamentos da Deputación ou dos diferentes concellos ourensáns (o da capital, 103,1) dannos idea da dimensión da estrutura sanitaria provincial. Unha estrutura que ás veces se atasca, ou que renxe, pero que de forma xeral funciona.

O anuncio do Sergas, cando ás eleccións autonómicas xa levamos tempo agardándoas, pode interpretarse en clave de autobombo pero, exceptuando as malas experiencias, que as hai, non somos afortunados en Galicia, en España, por ter esta sanidade pública? Fagan o cálculo, aínda con boa saúde, das veces que van ao médico ou que recorren a algún tipo de prestación.

Na miña casa, en quince días, teremos pasado catro veces polo centro de saúde (nalgún caso para atencións preventivas), análise incluída; habemos ir á farmacia a coller dous medicamentos financiados; e ao hospital a unha cita cun especialista asignada con só un par de semanas de antelación. Se amplío o diámetro á familia cóansenos dúas probas diagnósticas e un ingreso hospitalario que empezou agardando nun corredor, si, pero que ao pouco tempo seguiu nun cuarto sempre con trato exquisito. Crucemos os dedos.

A sanidade, os seus xestores e os profesionais, poden ter defectos. Pero calculen 5.000 profesionais, 106 centros de saúde, 14 PAC e os hospitais. Aínda que sexa doado ciscarse no Sergas, e todos o fagamos algunha vez, téñoo claro: se me poño enferma, que sexa aquí.