1980: Proposta para chamar Blanco Amor ao Instituto da Ponte

La Voz

OURENSE

SUSANA AIRAS

Vicente Risco, Da Ponte e Saco e Arce foron outras das opcións baralladas

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A xornada informativa chegaba cargada de propostas con referencias por toda a provincia: desde a anunciada intención do Concello de Ribadavia de elaborar un censo de produtores do Ribeiro aos problemas sanitarios de Celanova, pasando polos preparativos do entroido en Xinzo ou que no Carballiño levaba a cabo unha campaña para conseguir axuda para o pobo nicaraguano.

E unha breve reseña daba conta dunha decisión histórica baixo o titular «Proposta o nomeamento ‘Blanco -Amor' para o Instituto da Ponte». Na información dábase conta da reunión celebrada polo claustro de profesores do Instituto Mixto da Ponte para tratar «sobre a denominación do mesmo». Votáronse diferentes alternativas e resultou gañadora «a que propuña o nome de Eduardo Blanco Amor, que obtivo 25 votos». Outros nomes barallados foron Vicente Risco (14 votos), Da Ponte (5 votos) e Saco e Arce (que obtivo un voto).