Cando teño que pagarlle os impostos ao meu Concello?

La Voz OURENSE

OURENSE

Fachada de la Casa do Concello en la Praza Maior
Fachada da Casa do Concello na Praza Maior Íñigo Rolán

Os concellos ourensáns fan público o calendario para o cobro de tributos e taxas

16 ene 2020 . Actualizado ás 15:50 h.

O IBI (Imposto de Bens Inmobles), o IVTM (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica) e o IAE (Imposto de Actividades Económicas) son tributos cuxa recadación corresponde aos concellos. Estes teñen a potestade de establecer os prazos correspondentes para o cobro de cada un deles e, no caso do Concello de Ourense, o primeiro do ano será o IVTM. O imposto de circulación debe abonarse entre o 1 de marzo e o 5 de maio. A quenda do IBI será xusto despois, entre o 15 de maio e o 15 de xullo. Finalmente, o IAE hai que pagalo entre o 1 de setembro e o 31 de outubro.

Polo que se refire ao resto de concellos ourensáns, máis da metade teñen delegada a recadación de tributos na Deputación e a institución acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia o correspondente calendario fiscal. Nestes casos o IBI deberase pagar entre o 1 de xuño e o 31 de agosto salvo en Riós (do 1 de xuño ao 31 de xullo) e na Mezquita (do 1 de maio a o 30 de xuño). No caso do IVTM a maioría de concellos cobrarao do 1 de abril ao 31 de maio coas seguintes excepcións: BandeBarbadás, A Mezquita e Xinzo de Limia (do 1 de marzo ao 30 de abril), Riós (do 1 de xuño ao 31 de xullo), San Cristovo de Cea (do 1 de setembro ao 31 de outubro) e Sarreus (do 1 de xullo ao 31 de agosto). Finalmente, o IAE deberase pagar entre o 1 de agosto e o 30 de setembro en todos os concellos adheridos.

Taxas

Doutra banda, o calendario fiscal do Concello de Ourense indica que a taxa de ocupación da vía pública con terrazas deberá abonarse entre o 15 de maio e o 15 de xullo mentres que a de entrada de carruaxes debe pagarse entre o 1 de setembro e o 31 de outubro. A Deputación precisa, pola súa banda, o prazo de pagamento para a taxa pola recollida de residuos sólidos urbanos (un servizo que tamén teñen delegado na institución provincial máis da metade dos concellos). Deberá pagarse entre o 1 de xuño e o 31 de agosto, con algunhas excepcións: A Mezquita (do 1 de marzo ao 30 de abril), Riós (do 1 de xuño ao 31 de xullo), Rubiá, Viana do Bolo e Larouco (trimestralmente segundo a xestión do servizo) e Carballeda de Valdeorras (semestralmente segundo a xestión do servizo).