Os institutos Blanco Amor e As Lagoas participan no «21 días co galego e +»

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Ademais das actividades lectivas haberá coloquios, realización de vídeos en galego, roteiro polo Ourense literario, monólogos e outras propostas

14 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

No ano 2013 nacía no instituto de A Pobra do Caramiñal un proxecto que foi obxecto de premios e recoñecementos. Un modelo que se está a espallar por Galicia, comezando este luns a segunda edición do 21 días co galego e +, unha experiencia que se promove dende a Xunta e na que participan dez centros de ensino e 3.877 alumnos, de entre 12 e 18 anos. En Ourense participan os IES Blanco Amor e As Lagoas. «Durante tres semanas uns douscentos alumnos, máis de trinta profesores e todo o persoal de limpeza, administración e bar comprometémonos a vivir as 24 horas en galego. No centro, na casa, nas actividades de ocio, en todo», sinala dende o Blanco Amor o profesor Xoán Carlos Feixoo. Tamén haberá coloquios, os rapaces elaborarán vídeos en galego, haberá roteiro polo Ourense literario, monólogos e outras propostas. O reto son 21 xornadas, ata o 2 de febreiro, «e que non remate aí», di Feixoo.