Unanimidade tensa na Deputación en defensa do paritorio de Verín

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Agostiño Iglesias

PP, DO e Cidadáns uniron a reivindicación á reprobación do portavoz do PSOE

20 dic 2019 . Actualizado ás 19:17 h.

O pleno da Deputación de Ourense acordou este venres por unanimidade reclamarlle á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que «dote, manteña e mellore os servizos que se viñan prestando no Hospital Comarcal de Verín para garantir a calidade asistencial da veciñanza no oriente ourensán, nomeadamente do servizo de paridoiro». Todos os grupos representados na corporación provincial apoiaron a iniciativa e, con todo, este asunto foi o máis polémico da sesión plenaria.

A iniciativa partiu dos grupos do PP, de Democracia Ourensá e de Cidadáns , pero decidiron que a reivindicación da reapertura do paritorio de Verín fose vinculada á reprobación do portavoz do PSOE na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino. Non se podía votar a favor dunha cousa e en contra da outra pero todos os grupos, incluído o socialista, deron o seu si. Villarino dixo asumir «con gusto» a súa reprobación e espetoulle ao presidente popular, José Manuel Baltar: «A vostede reprobárono polos seus vicios».

Os grupos que impulsaron a iniciativa acusaban ao líder do PSOE de buscar réditos políticos da votación que, sobre o hospital de Verín, celebrouse na anterior sesión plenaria, en novembro. Entón, os socialistas defendían unha moción sobre o hospital de Valdeorras e no último momento incluíron unha emenda sobre o paritorio verinés. PP, DO e Cidadáns votaron en contra argumentando, basicamente, que ese asunto merecía un debate singularizado. Ademais, previamente o PSOE rexeitara unha declaración institucional sobre o problema de Verín que propuxo Cidadáns. Villarino cualificou ese texto este venres como un «traballo de Primaria, e grazas».

O vicepresidente popular, Rosendo Fernández, asegurou que o PP estivo desde o primeiro momento «ao carón dos veciños» na reivindicación da reapertura do paritorio de Verín. Con todo, PSOE e BNG lembraron o voto en contra dos deputados populares ourensáns cando leste mesmo asunto se debateu no Parlamento de Galicia.

Por outra banda, o PSOE tratou de substituír a proposta de reprobación de Villarino por outra para o presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade e outros cargos do Sergas. A iniciativa foi rexeitada polo goberno en coalición de PP e DO, ademais de por Cidadáns. O BNG defendeu unha emenda na mesma liña e a súa, que non substituía os acordos propostos na moción orixinal, se contou co apoio de Cidadáns. En todo caso, a maioría absoluta do bipartito tamén tombou a reprobación de Feijoo e Almuiña.

 

Conservatorios

O grupo socialista defendeu unha moción na que pedía á Deputación colaboración económica cos gastos dos conservatorios municipais. As súas propostas de acordo foron substituídas por unha emenda do bipartito que prevé contactos coa Xunta para abordar o modelo de financiamento.

 

Cooperación

No pleno deste venres aprobáronse por unanimidade dous plans de cooperación con concellos: para a xestión de servizos de abastecemento e saneamento e para a prestación de servizos sociais. Tamén foi unánime a luz verde á ordenanza fiscal do servizo de recollida de lixo.

 

Demografía

O BNG propuxo unha moción na que pedía un plan de desenvolvemento provincial e instar a Xunta a reforzar os servizos públicos. A súa iniciativa foi substituída por unha emenda do bipartito PP-DO que basicamente aposta por manter as liñas de traballo que xa ten en marcha a Deputación nesta liña.

 

Ligazón á A-52

O PSOE defendeu unha moción na que se reclama a execución completa da rolda este. O primeiro tramo é a ligazón do polígono de San Cibrao á A-52 e os socialistas queren que ese viario sexa coas características dunha autovía. PP e DO votaron en contra e Cidadáns abstívose.

 

Subvencións

Todos os grupos da oposición (PSOE, BNG e Cidadáns) votaron en contra do plan estratéxico de subvencións da Deputación para o período 2020-2023. Socialistas e nacionalistas lembraron o recente informe do secretario no que se alerta da falta de motivación das axudas directas que concede a institución.