Márquez e Domínguez marcan o ritmo en San Cibrao das Viñas

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A carreira de Nadal cubriu a cota da organización

16 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras dezaoito anos de historia, a Carreira Popular Pedestre de Nadal volveu cubrir a cota de inscritos establecido pola organización, con 500 na súa proba absoluta de dez quilómetros e outro centenar máis nas dúas saídas das categorías inferiores.

Ademais do éxito de participantes e, a pesar da climatoloxía chuviosa nas horas previas, puido verse unha carreira interesante nas primeiras posicións, onde Pepe Márquez, o veterano do ADAS valdeorrés, impuxo o ritmo que máis lle conviña e levou o triunfo cun tempo de 33.11, ao que contestou Luis Iglesias , o dominador de Correndo por Ourense, que volveu levar a camisola do Arenteiro ao podio, cedendo só trece segundos con respecto ao vencedor. O podio absoluto completouno José Antonio Requejo (Runmaniak), a 18 segundos do gañador.

Máis clara foi a vitoria da local, Begoña Domínguez. A atleta do Arenteiro pecha o ano de populares en gran forma e parou o crono en 38.41. Dous minutos menos que Sonia Teijeiro (Burgas), a cal si puido manter baixo control a Iria Fernández (ADAS), a terceira na clasificación feminina da competición.