Este é o patrimonio dos deputados e senadores ourensáns

La Voz OURENSE

OURENSE

BENITO ORDOÑEZ

Congreso e Senado publican as declaracións de bens dos seus membros. Celso Delgado (PP) e Juan Carlos Francisco (PSOE) repiten como os que teñen máis diñeiro

16 dic 2019 . Actualizado ás 15:22 h.

Para adquirir plenamente a súa condición de deputados ou senadores, as persoas elixidas deben presentar unha declaración detallada de bens e rendas. Congreso e Senado publicaron xa as dos seus membros e volven destacar dous casos, o de Celso Delgado Arce, do PP, e o de Juan Carlos Francisco Rivera, do PSOE. Ambos teñen preto de 600.000 euros líquidos no banco.

Delgado, que é o deputado máis veterano, declara 591.718,88 euros en contas correntes, de aforro, a prazo e fondos de investimento. Ademais, as súas participacións en Delgado Arce Avogados (o seu bufete) valen máis de 300.000 euros e ten outros 186.634,86 euros en plans de pensións. Tamén ten un coche (un BMW 318 D), o seu piso con praza de garaxe en Ourense e a oficina do seu despacho (nun 50 % con pleno dominio e nun 50 % en usufructo) así como un apartamento na provincia de Pontevedra.

Polo que respecta ao senador Juan Carlos Francisco Rivera, que tamén é avogado, no banco ten 697.000 euros. Ademais posúe un piso, un local de oficina e un baixo comercial. O seu coche é un Audi Q5 e debe preto de 30.000 euros dun préstamo hipotecario. Por contraposición chama a atención o caso da deputada do PSOE Marina Ortega. A psicóloga carballiñesa, que ata a súa elección traballaba como persoal de confianza do subdelegado do Goberno, non ten propiedades inmobiliarias e tampouco coche. O seu saldo bancario queda en tan só 16.567,12 euros.

O outro socialista na Cámara Baixa, o profesor universitario Adolfo Pérez Abellás. Declara un piso con garaxe e dúas leiras rústicas así como un Mercedes 200. Debe 69.215,04 euros dun préstamo de 150.000 concedido o pasado mes de marzo e ten un saldo de 23.629,54 euros nos seus depósitos. Para acabar cos ourensáns que forman parte do Congreso só faltaría a popular Ana Belén Vázquez, que ten unha vivenda unifamiliar en Bande e tres coches: un Opel Vectra, un Audi A4 e un Mercedes GLA. Nas súas contas acumula 51.024,31 euros, ten accións por valor de preto de 2.000 euros e plans de pensións que suman algo máis de 20.000 euros. No 2011 subscribiu unha hipoteca de 200.000 euros e aínda debe 145.106,95.

Senado

No Senado chama a atención o caso de Francisco José Fernández, alcalde do PP en Leiro. Ten unha vivenda familiar, un piso en Leiro, un baixo dedicado á súa farmacia, un almacén e unha pequena parte dun piso de herdanza paterna. Ademais declara catro coches actuais (Nissan X-Trail, Volvo CX60, Opel Corsa e Citroën C11) e tres históricos: un Seat 600 do ano 1963, un Mercedes 280 SL de 1979 e un Volkswagen Escaravello de 1972 (este último, a nome da súa esposa). Ten dous préstamos pendentes de pagamento que suman preto de 200.000 euros de débeda, plans de pensións e un saldo medio en distintas contas de 31.300 euros.

A senadora Carmen Leyte, exalcaldesa do PP en Cartelle, declara varias propiedades, todas elas en réxime ganancial. Ademais da súa casa familiar en Cartelle, ten un piso en Vigo e a terceira parte dunha casa unifamiliar na Guarda (Pontevedra). Ten tamén tres vehículos (unha autocaravana, un Mercedes Benz C 220 de segunda man e un Mazda CX5. No banco ten 69.000 euros e debe 17.846,08 dun préstamo hipotecario.

O que fose cabeza de lista do PP ao Senado, Miguel Ángel Viso, declara un piso con garaxe en Ourense, un coche (Mercedes Clase C 207CDI) e dúas motos (unha Yamaha 600 e unha BMW 800 GT). Ten 53.500 euros aforrados e debe 47.717,11 euros dun préstamo hipotecario concedido no ano 2005 por un total de algo máis de 120.000 euros.

A listaxe de senadores ourensáns complétase co exalcalde da capital provincial, Jesús Vázquez, que o é por designación do Parlamento de Galicia. No seu caso, declara a súa vivenda habitual en Ourense, tres prazas de aparcadoiro e un piso na provincia de Pontevedra. O saldo de todos os seus depósitos bancarios e plans de pensións ascende a 74.650,26 euros, pero debe algo máis de 70.000 de dúas hipotecas. Posúe, por outra banda, un vehículo, un Renault Kadjar comprado no ano 2016.