2000: O Concello de Ourense acollía a primeira «voda» homosexual que se celebrou en Galicia

La Voz OURENSE

OURENSE

Non dispoñible

Tamén eran noticia a contaminación do río Miño e a participación de Marisa Paredes no Festival de Cine

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No ano 2000, Ourense non só foi protagonista por sufrir as consecuencias dun dos temporais máis intensos dos últimos tempos, tamén o foi por algo moito máis positivo. No Concello tivo lugar una das primeiras vodas simbólicas entre persoas do mesmo sexo.

sociedade

Alberto e Lázaro oficializan o seu amor. Alberto Blanco e Lázaro González dábanse un máis que simbólico «si, quero» o 6 de outubro do ano 2000. Facíano no salón de plenos do Concello de Ourense nunha cerimonia oficiada polo concelleiro Alexandre Sánchez Vidal, recentemente falecido. Aínda que o que oficialmente fixeron Alberto e Lázaro foi inscribirse no rexistro de parellas de feito do Concello, a iso acompañouno unha voda simbólica na que non faltou o baño de arroz, o atraso dun dos noivos e, por suposto, o amor e a emoción. Foron os primeiros homosexuais inscritos en Galicia nun rexistro de parellas.

medio ambiente

A auga do Miño está contaminada. As augas do río Miño sufriron ao longo do ano 2000, unha alta contaminación microbiológica polas verteduras de augas fecais e residuos orgánicos. Ourense e Ribadavia, xunto a Lugo, foron as zonas máis afectadas. A zona peor parada da provincia foi a contorna de Eirasvedras, a uns cinco quilómetros da saída da cidade, onde se detectou unha importante colonia de salmonella, bacterias coliformes, fecais e totais. Tras analizar estes resultados levou a cabo un plan de saneamento integral.

Cultura

Marisa Paredes, estrela do Festival de Cine. Marisa Paredes, unha das musas de Pedro Almodóvar, fixo de madriña neste ano do Festival Internacional de Cine de Ourense. Desta forma converteuse na estrela da apertura da quinta edición do certame. A proxección da película Sen deixar pegada deu a saída a unha semana na que a cidade das Burgas converteuse no epicentro de proxeccións de cine indepeniente.